Morre aos 96 anos a “indómita” escritora portuguesa Agustina Bessa-Luís

“Indómita”, “rebelde”, “perversa”, “insolente” son algúns dos adxectivos escollidos pola prensa portuguesa para retratar a escritora Agustina Bessa-Luís, vulto ineludíbel da literatura do país que morreu esta segunda feira, 3 de xuño en Porto, aos 96 anos. A autora da fundamental A Sibila (1953) deixa unha valoradísima obra narrativa.
 

agustina bessa-luís
photo_camera A escritora portuguesa Agustina Bessa-Luís. Foto: www.blogletras.com.

“Unha das primeiras e máis feroces obras feministas da literatura portuguesa”, a dicir da crítica Joana Emídio Marques, A Sibila é o romance que consagrou a Bessa-Luís. “O humor e a intelixencia unidos teñen todo para resistir ao tempo”, dixo no limiar á última edición do libro, en 2017, o escritor Gonçalo M. Tavares. Novela de iniciación protagonizada por unha adiviña, hai estudosos que lle atribúen a superación do enfrontamento entre neorrealismo e modernismo que, na altura, estruturaba as letras lusas.

Mais non foi esa a única peza fulcral da autora. A súa traxectoria, recoñecida con innúmeros galardóns -aínda que chegou a afirmar irónica preferir o Nobel da Paz ao de Literatura-, inclúe As Fúrias (1977), Fanny Owen (1979), Vale Abraão (1991) ou a triloxía O Princípio da Incerteza (2001-2003).  

O labor literario de Bessa-Luís serviu en varias ocasións de materia ao cinema do se cadra máis importante cineasta portugués, Manoel de Oliveira. Francisca (1981), O convento (1995) ou Espelho Mágico (2005) foron tres das sete longas que o director apoiou nos libros de Bessa-Luís. Aínda este ano Rita Azevedo estreou A portuguesa, adaptada dun relato de Robert Musil pola propia Agustina Bessa-Luís.

Irredutíbel e nada obvia, á marxe de correntes dominantes, enigmática, a escritora trazou unha vía propia que lle valeu a admiración e respecto das últimas promocións literarias de Portugal. “O presidente da República cúrvase perante o seu xenio”, expresou Marcelo Rebelo de Sousa nun comunicado de condolencias.Bessa-Luís nacera en Amarante en 1922.

Comentarios