Morre o actor Xan Cejudo, pioneiro na profesionalización do teatro

Xan Cejudo pertencía a esa xeración de pioneiros que construíron os alicerces do teatro profesional galego. Nado na Coruña, os seus primeiros pasos na escena deunos co grupo O Facho, nos anos sesenta. Exerceu como actor, director, autor. E morreu onte, aos 71 anos.
 

maríacasares177_tamaradelafuente
photo_camera O actor Xan Cejudo nunha edición dos premios María Casares. Foto: Tamara de la Fuente / AAAG.

“É un nome fundamental no desenvolvemento profesional do mundo da escena en Galiza”, sinalou a Asociación de Actores e Actrices nun comunicado, “grazas a persoas como Xan Cejudo abriuse o camiño polo cal a profesioón naceu, medrou e consolidouse no noso país”.

Cejudo fixo parte do elenco da primeira obra do Centro Dramático Galego (CDG). Foi o Woyzec, de Georg Büchner, e foi en 1984. A súa ligazón coa compañía pública -como autor- estendeuse a O incerto señor Don Hamlet (1991), de Cunqueiro, A fiestra baldeira (1994), de Rafael Dieste, Seis personaxes á procura de autor (2005), de Pirandello, ou Noite de Reis (2008), de Shakespeare.

Pero o actor tamén traballou como director para o CDG. Fíxoo á fronte da Pousadeira, de Carlo Goldoni, e da Burla do Galo, de Roberto Vidal Bolaño. “Sempre deixou unha forte pegada entre os compañeiros e compañeiras de oficio”, engade a asociación, “mais tamén no público”.

Non só demostrou o seu oficio na institución pública. Compañías como Teatro Circo, Teatro Tranco ou Matarile requeriron os seus servizos. Como o fixeron realizadores e cineastas en series como Pratos combinados, Mareas Vivas e Rías Baixas ou Matachín, de Jorge Coira.

A profesión recoñeceu a súa valía con dous premios María Casares, un ao mellor actor en 2006 e outro ao mellor secundario en 2008. En 2011, acadou o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores de Actrices de Galiza.

Comentarios