Conferencia de Carmen Velayos o 26 de setembro

Moral e cambio climático no Consello da Cultura

O ciclo Pensarmos, coordinado pola profesora Carme Adán para o Consello da Cultura Galega, retoma o seu discorrer despois do verán. E faino cunha conferencia sobre os retos morais da humanidade ante o cambio climático. Ofreceraa Carmen Velayos, docente de filosofía moral e política na Universidade de Salamanca, esta quinta feira, 26 de setembro, na sede compostelá da institución ás seis da tarde.
carmen velayos
photo_camera A profesora de filosofía moral e política da Universidade de Salamanca Carmen Velayos. Foto: Consello da Cultura.

“Estamos nunha semana relevante para o futuro do clima por mor do cumio sobre acción climática da ONU que pretende acelerar o cumprimento do Acordo de París nos prazos para eliminar as emisións”, contextualiza a organización. Retos e compromisos morais ante o cambio climático, o título da palestra de Velayos (Ávila, 1967), contará coa presenza do especialista en dereito ambiental José Pernas García. Retransmitirase en directo pola web do Consello da Cultura.

Autora de publicacións como O cambio climático e os límites do individualismo, Carmen Velayos é a protagonista de Pensarmos en setembro. O programa de conferencias convoca cada cuarta quinta feira de mes “pensadores recoñecidos para falar de asuntos de actualidade”.

Comentarios