Carme Varela: "Estas monxas eran valentes, unhas tipas que rachaban coas normas"

Teatro, historia e resistencia camiñan da man en ‘As desterradas’ (Xerais, 2021), a obra coa que Carme Varela (Duomes, A Baña) se alzou co prestixioso Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu XXV aniversario. Conversamos coa autora arredor desta peza sobre as abadesas expulsadas de Albeos. 
carme
photo_camera A escritora e activista cultural Carme Varela. (Foto: Cedida)

-En ‘As desterradas’ aborda os últimos días do mosteiro de Albeos, situado entre as fortalezas de Melgaço en Portugal e a de Fornelos na Galiza, un caso de espolio do que apenas queda documentación. Que podemos atopar nesta obra?

A peza recrea a historia de resistencia protagonizada por un grupo de monxas que mantiveron unha valente e desigual pelexa cos grandes poderes do seu tempo.

Hai pouca documentación sobre esta temática. Queda algo na Biblioteca Nacional, en Madrid, e en San Paio de Antealtares, en Compostela, onde levaron as monxas para recluílas cando lles quitaron as súas posesións. Mais sobre o proceso que se segue contra elas falta moita información. Por que? Explícao ben o Padre Colombás, un beneditino que estudou o caso, quen di que falta documentación porque, claro, quen vai querer gardar documentos tan embarazosos? 

Os mesmos que as xulgan son os que antes as difamaron e os que despois quedaron coas súas posesións

O proceso contra as monxas foi moi inxusto. Os mesmos que as xulgan son os que antes as difamaron e os que despois quedaron coas súas posesións. Esta xente [Coroa de Castela] tratou de deixar o menor rastro posíbel de todo este proceso tan infame. 

Ao principio, Roma dáballe a razón ás monxas, mais chegou un momento no que a presión da Coroa castelá era tan forte que até mudou a vontade do papado. Para o lograr entregaron documentación falsa e ocultaron outra que podería ter xogado a favor delas.

-Vostede afirma que a historia non cuestionou estes feitos.

O que é moi curioso para min, e eu son profana como ‘historiadora’, é que os historiadores que se achegaron a este feito non foron nada críticos. Explícome, aquí realízase un proceso contra unha serie de abadesas galegas no que practicamente todas son acusadas das mesmas cousas e, no canto de destituír, o que fan é quedar coas súas propiedades e agrupar as monxas nun mosteiro en Santiago... Resulta un pouco estraño, non? A elas négaselles todo dereito a defenderse neste proceso... 

Se esa historia estivese protagonizada por homes falariamos de feitos case épicos. Non obstante, cando se trata de mulleres é cómico

Por exemplo, no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, nada sospeitoso de ser antifeminista nin pouco crítico, ao narrar a fuxida que elas emprenden de Antealtares usa unha expresión que me chocou moitísimo:  “episodio cómico”. E pensas, “pero que ten de cómico?” Se esa historia estivese protagonizada por homes falariamos de feitos case épicos. Non obstante, cando se trata de mulleres é cómico, escaparon do mosteiro... Mais non é nada gracioso. Eran valentes, eran unhas tipas que rachaban coas normas que lles estaban impondo. 

-Na obra aborda temáticas que podemos traer á actualidade.

Completamente, creo que máis de actualidade non pode estar. Fálase dun espolio, da concentración de poder, de riqueza, que é obvio, fálase do baleirado de poder da Galiza rural... e de como se descabeza todo iso. Para min ten moitísimas cousas en común co que estamos aínda a vivir hoxe en día. As grandes corporacións daquel momento eran coroa e papado. Mais hoxe pasa o mesmo.

-A asociación O Sorriso de Daniel, da que fai parte, é un referente en canto a divulgación do patrimonio histórico galego. Cal é o seu estado? 

Como lle dixo Castelao a Otero Pedrayo nunha carta: “As cousas están moi ben porque neste país está todo por facer, que sorte tivemos!”. As cousas están xenial [risos], podemos botarlle moitas ganas aínda. 

En canto a patrimonio románico, Galiza ten moitísimo, son máis de 800 edificios e, obviamente, non todos están nas mesmas condicións. Non se pode comparar a situación da catedral de Santiago ou a de Tui coa dunha igrexa rural no medio do monte. 

Nós, desde O Sorriso, sempre tivemos máis querenza polo románico rural, non porque non nos guste o Pórtico da Gloria, que evidentemente de aí collemos o nome (o noso orgullo é terlle ensinado a sorrir ao resto de Europa nun tempo no que o sorriso na arte non existía: un dos grandes fitos da arte universal feita en pedra na Galiza), mais é certo que sobre ese tipo de obras sempre hai mil ollos postos, e hai moitas mans dispostas a axudar, mentres que o románico rural se vai perdendo.

Desde a Administración non se está a facer nada. Non hai un plan de como conservar o patrimonio e prefiren mirar cara a outro lado cada vez que chega un aviso de alerta

As parroquias vanse despoboando e o proceso de desertización da Galiza rural xoga moi en contra e, obviamente, porque tamén hai unha transformación da sociedade, cunha relación diferente con eses edificios. Antes estaban moi vivos e moi coidados porque toda a comunidade mantiña un vencello a eles.

Desde a Administración non se está a facer nada. Non hai un plan a longo prazo de como conservar todo este patrimonio e prefiren mirar cara a outro lado cada vez que chega un aviso de alerta. 

A rapazada sae das escolas sen coñecer a súa contorna máis próxima, máis inmediata, e sen apenas formación en arte

A rapazada sae das escolas sen coñecer a súa contorna máis próxima, máis inmediata, e sen apenas formación en arte. Nós, cando chegamos a Albeos, algo que nos impresionou foi que a xente non sabía como se abandonara aquilo. Todo o mundo dicía que fora pola desamortización de Mendizábel (e que culpa terá neste asunto!). Ninguén explica que temos ao lado da casa. Mal se vai coidar unha cousa que non se sabe que existe. E ese traballo coa comunidade, que para nós é imprescindíbel, non se fai nin desde os concellos. Un desleixo. 

Está todo por facer, é unha oportunidade e unha tarefa que alguén ten que realizar. Nós, desde O Sorriso de Daniel, cos medios que temos, que son moi pouquiños, facémolo con gusto porque o gozamos máis que ninguén. 

Un roteiro para coñecer a contorna das 'desterradas’

Carme Varela traballou no ámbito da produción teatral durante moitos anos, ligada a compañías como Ollomoltranvía, Mofa e Befa ou ao Centro Dramático Galego. Así, "para min o máis natural era achegarme ao xénero teatral" á hora de abordar esta temática.

"Creei esta obra dentro do ámbito da asociación O Sorriso de Daniel", conta, porque "o teatro permitíame facer nalgún momento unha lectura dramatizada, unha montaxe". 

Á espera de que mellore a situación sanitaria, Varela adianta que "en xullo, seguramente, faremos unha presentación cun roteiro por Albeos, polos sitios que se van mencionando na peza". Así, poderemos "coñecer eses lugares e saber as súas historias. É un territorio fantástico, co val en caída ao Miño e con Melgaço de fronte". 

Presentación de 'As desterradas' na comarca de Barcala

O vindeiro día 11 de xullo, a autora bañesa Carme Varela presenta no local da Asociación Cultural Gazafellos do Val, na vila de Negreira, As desterradas, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. A canda Varela estará a tamén escritora Ánxela Gracián.

Comentarios