A montaxe do novo escenario confirma que O Son do Camiño decorrerá esta semana

Os operarios están a traballar na retirada da instalación danada e na montaxe do novo escenario, co obxectivo de que o festival poida "decorrer sen novidade".

A organización di estar a traballar nos últimos axustes. (Foto: Arxina)
photo_camera A organización di estar a traballar nos últimos axustes. (Foto: Arxina)

O festival O Son do Camiño decorrerá finalmente esta semana, a pesar do accidente que na pasada sexta feira provocou o afundimento do teito do escenario que se estaba a montar, causando seis feridos, un deles aínda ingresado na UCI.

Non será con esa mesma infraestrutura, que será retirada, senón cunha nova que xa está en Compostela lista para a súa montaxe.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou esta segunda feira que os operarios "están a traballar na retirada" da instalación danada e na montaxe do "novo" escenario, co obxectivo de que o festival poida "decorrer sen novidade".

Logo de desexar unha "pronta recuperación" aos traballadores feridos que aínda continúan no hospital —un na UCI, "grave mais estábel", e os outros dous xa en planta—, Rueda sinalou que a promotora lles trasladou que "se mantén" o programa, aínda que "non co escenario previsto".

Con estas mudanzas, o presidente galego confiou en que poida organizarse "un gran festival" sen "máis contratempos" e sen que ocorran de novo sucesos como o da pasada semana.

Pola súa parte, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que xa está no Concello a documentación para o cambio de escenario.

Sobre a celebración do Son do Camiño, o rexedor celebrou "que siga adiante", xa que "a suspensión ou o aprazamento terían consecuencias moi complicadas para máis de 40.000 persoas", ás que "afectaría moi negativamente" esa decisión.

Comentarios