O monólogo poético dun porco ególatra

"Inusual" e "desconcertante" foron dúas das palabras escollidas pola lista The White Ravens para definir e incluír o álbum ilustrado 'Ninguén coma min. Autobiografía dun tirano' (Kalandraka), de Ignacio Chao e Eva Sánchez. Unha historia que lembra "algúns gobernantes notorios dos nosos días”.
Ilustración de 'Ninguén coma min' (Kalandraka), de Ignacio Chao e Eva Sánchez. (Foto: Eva Sánchez).
photo_camera Ilustración de 'Ninguén coma min' (Kalandraka), de Ignacio Chao e Eva Sánchez. (Foto: Eva Sánchez).

Ególatra, narcisista, elitista, fachendoso, frío, egoísta... Eis o protagonista de Ninguén coma min (Kalandraka), unha metáfora sobre o poder e a guerra escrita por Ignacio Chao e con ilustracións de Eva Sánchez. Baixo o subtítulo Autobiografía dun tirano, o seu carácter “inusual e desconcertante” valeulle agora a súa inclusión na lista internacional The White Ravens, promovida pola Biblioteca Internacional da Xuventude, de Munich. Mais anteriormente xa fora recoñecida co XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e co Premio Os Mellores Libros para Nenos e Mozos 2021 do Banco do Libro de Venezuela. 

“A súa ignorancia e narcisismo infalíbel lembran a certos gobernantes notorios dos nosos días”, resaltan sobre a figura protagonista, que se compara co “despótico Napoleón” da mítica novela de George Orwell A granxa dos animais, ou incluso co "porco de pé" de Vicente Risco. 

Trátase, ao fin, dun recoñecemento "no que se teñen en conta todos os sistemas literarios de todos os países, unha honra", comenta para Nós Diario Ignacio Chao. "No caso deste libro hai determinados aspectos que o fan singular, pouco frecuente ou non convencional" por marcar unha liña distinta "ao que se pode levar no álbum ilustrado".

Un monólogo poético para explicar a megalomanía

Ninguén coma min preséntase como unha obra "sobre a megalomanía, sobre as ansias de poder, sobre as ditaduras e sobre este tipo de pequenos napoleóns, pequenos ditadores, que hai en todos os lugares do mundo", explica o escritor Ignacio Chao, para reflexionar e facer reflexionar sobre este tipo de personalidades, "que tamén se dan nos contornos privados, non só nos ámbitos públicos". 

Ninguén coma min e dous

Mais o que tamén ten de peculiar este cartoné, alén da arrogante personalidade do porco protagonista, é o tipo de relato escollido para o presentar, para o pór en escena e o dar a coñecer a un público infantil, unha especie de monólogo dramático. Trátase dun modelo de poema no que o autor bota man dun personaxe real, ou talvez ficticio, que fala en primeira persoa e que permite a reflexión sobre a sociedade actual. "En ningún momento tiven presente un personaxe concreto, era máis a idea de facer unha historia de ficción con esta realidade tan peculiar", valora Chao.

Unha historia que, conta, naceu a partir dunha noticia de prensa que despois derivou a un texto máis pensado para a rapazada: "O intento de facer un poema cunha historia real como esta, un poema con sorpresa final, foi converténdose nun texto para álbum ilustrado", confesa. 

Mais é esa voz en primeira persoa o que mellor define o libro. "Un monólogo moi requintado, amaneirado, dun personaxe que se pensa dono do mundo".

Cores pastel para representar un tirano 

As ilustracións, de carácter figurativo, defínense polo gran detallismo técnico e por xogar co simbolismo dos personaxes que fan parte do álbum a canda o porco protagonista (ratas, raposos, monos, voitres). Nelas, destaca a agresividade das escenas humanizadas. Así, entrar na psicoloxía do protagonista a través das ilustracións era fundamental para Eva Sánchez.

Ninguén coma min

"Atraíame moito o feito de fabular usando a personificación de animais", conta a ilustradora para Nós Diario. "Sabiamos que era arriscado porque non é un libro infantil ao uso", mais ao presentalo ao premio de Kalandraka foi ben valorado e recibiron unha mención coa que conseguiron sacar a publicación adiante. 

"No meu caso, cada proxecto é un mundo, o estilo, o tipo de paleta, as personaxes... dependen moitísimo da historia". Ninguén coma min ofrecía "un texto moi duro", pois non deixa de ser a voz dun tirano, así que optou por crear un contraste co que alí se contaba. Ao carón desa voz aparecen "tons pastel, que dulcifican un pouco a narrativa" e que axudaban a transformar o texto nunha especie de fábula, explica. "Todos os personaxes teñen o seu papel á hora de explicar os distintos estados de ánimo deste ditador, até descubrir, ao final do libro, que é un porco común". 

Eis o “inusual e desconcertante” desta Autobiografía dun tirano, unha historia que "pode ter varios niveis de lectura e que pode ser moi interesante tamén para público adulto", valora a ilustradora. Porque "é moi difícil pórlle límites aos libros". 
 

Comentarios