CULTURA

Os monicreques volven a Redondela

O Festival Internacional de Títeres desenvolverase do 12 ao 17 de maio

Os monicreques volven a Redondela

Trinta e unha compañías e máis de oitenta actividades terán lugar na vixésimo terceira edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, un dos máis importantes deste xénero. O festival volve este ano ás súas datas habituais, na primavera, despois de dous anos co calendario cambiado por mor da Covid. 
Eduardo Rodriguez Cunha 'Tatán',  Andrés Giráldez e Miguel Borines forman Tanxarina, que celebra 40 anos sobre os escenarios.
photo_camera Eduardo Rodriguez Cunha 'Tatán', Andrés Giráldez e Miguel Borines forman Tanxarina, que celebra 40 anos sobre os escenarios.

É case unha milagre: obxectos inanimados cobran vida grazas  ao labor dun oficiante que reproduce con esas figuras inertes o fenómeno da encarnación e pon en escena todo o esplendor da vida con elas. Acabada a función, esas personaxes que nos permitiron experimentar o fulgor e a riqueza da existencia, volverán ao mutismo torpe das cousas sen vida. Sexa o que sexa que nos conta o espectáculo, o drama que se vive sempre no teatro de monicreques é o da vida que comeza, que se desenvolve e que remata. Por iso exerce esa especial atracción que non está exenta de estrañeza e mesmo dunha certa desconfianza cara aos seus protagonistas. Quen non mirou con suspicacia algunha vez un monicreque abandonado nun recuncho?

Redondela leva xa vinte e tres anos sendo o escenario destas  portentosas cerimonias da encarnación. E o milagre repetirase este ano: o pasado sábado 30 de abril inaugurábase nos escaparates da vila a exposición 40 anos de Tanxarina Títeres, a proposta que daba inicio ao programa do XXIII Festival Internacional de Títeres de Redondela, talvez o máis popular da Galiza dedicado a este xénero. O evento, que regresa ás súas datas orixinais na primavera despois de que a pandemia obrigase a celebralo, durante dous anos, en setembro, desenvolverase entre os días 12 e 17 de maio.

 

O programa 

A vixésimo terceira edición do encontro presentará oitenta funcións a cargo de trinta e unha compañías procedentes de Italia, Francia, Israel, Eslovenia e Arxentina, ademais das galegas e das do resto do Estado. 

Entre as compañías galegas que estarán presentes no evento destacan Títeres Alakrán, coa súa obra Desconexión e Tanxarina, que presentarán, no seu cuadraséximo aniversario, o seu último espectáculo, A cazola de Lola. Ambas estarán no escenario principal do Auditorio da Xunqueira os días 14 e 17 respectivamente. Ademais, unha ampla representación de grupos galegos que se dedican ao mundo dos monicreques presentará as súas obras no festival: Mircromina Títeres con Vacacións no mar, EducaTeatro con Festa Xurásica, Viravolta Títeres con Todos ao balcón, Cascanueces con O diaño na maleta, Trécola con Saga de Flin Havardr, Paporrubio con Varietés do animalario e Catropés con Animacreques

A representación internacional terá como estrelas Ariel Doron, de Israel, que traerá o seu espectáculo Plastic Heroes; a compañía francesa La Salamandre, coa obra Un océan d’amour; a compañía aragonesa de Víctor Biau, coa súa adaptación do libro de Jean Giono O home que plantaba árbores; e Teatro Matita, de Eslovenia, unha compañía que asocia música e teatro e que traerá a Redondela Happy Bones, unha proposta realizada a partir de ósos recollidos en diferentes partes do mundo. 

Ademais, o público do FIT poderá ver as propostas dos italianos Di Filippo Marionette, dos arxentinos Maia Títeres, ou dos portugueses Boca de Cão. O programa complétase coas compañías estatais Teatro Mutis, Teatro Firulete, MG Producciones, que levará os seus Monstros da Universal polas rúas da vila e Birloque Títeres. 

Na Casa da Torre, por outra parte, a compañía Alauda Teatro, unha vella coñecida do público do festival, situará Ingenii Machina, unha instalación de rúa que tenta achegar e difundir, dun xeito ameno e divertido, os "segredos" da Mecánica Clásica: a física que estuda as forzas que provocan movemento e equilibrio dos corpos e as técnicas de inventar, construír e manexar máquinas.

Volta á normalidade despois da pandemia e homenaxe aos fundadores

A volta á normalidade despois da pandemia marca esta edición: as entradas para a programación de sala poderanse adquirir a partir da vindeira sexta feira, 6 de maio, no Multiusos da Xunqueira, igual que as xa tradicionais camisolas. Para as sesións de rúa non fará falta adquirir entrada previamente, como foi o habitual durante os dous últimos anos. Ademais, o festival rende homenaxe a Tanxarina, unha das compañías fundadoras do evento, que fai xa corenta anos sobre as táboas.

 

comentarios