XXIV festival Galicreques

Os monicreques toman Compostela

Trece funcións para escolares formarán unha das principais liñas de programación da 24ª edición do festival Galicreques, que decorrerá do 12 ao 20 de outubro en Compostela. “A cidade será un ano máis gran referente para o xénero escénico dos títeres”, afirma a asociación organizadora, Barriga Verde.
camiño aventuras
photo_camera Monicreques de 'Camiño de Aventuras', de Títeres Cachirulo. Foto: Teatro Cachirulo.

As compañías chegarán de Galiza, o Estado español -Valencia e Madrid- e Arxentina. “Reeditamos o duplo compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e de creación de novos públicos para a escena”, engade Barriga Verde.

O ciclo Teatro Escena con clase comezará o 14 de outubro co Brancaneves, a cargo de Tropos Teatro (Fudnación SGAE). Títeres Cachirulo seguirá despois con Camiños de aventuras (Teatro Principal). E despois A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza (centro socio cultural Santa Marta), da Xanela no Maxín.

Para o 15 de outubro, as pezas será A carteira de Augasclaras (Fundación SGAE), de Brincadeira, e un segundo pase da Toupiña. Cincenta (Fundación SGAE), de Danthea Teatro, e Pazzzzzz (Teatro Principal), de La Mar de Marionetas será a programación do 16 de outubro.

A carrapuchiña (Fundación SGAE), de Tres Tigres Teatro, pasarase o 17 de outubro. E o 18, Teatro La Estrella pechará o ciclo na SGAE cos Músicos de Bremen, e a coprodución Cronopios, de Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün, o do Principal.

Todas estas obras diríxense ao estudantado de Infantil e Primaria. Para mozos e mozas máis maiores -ESO e Bacharelato-  haberá Varioleto, peitiño libertario (15 de outubro, Teatro Principal), de La Pelela Títeres; e Ultramarinos  Finisterrae (17 de outubro, Teatro Principal), de Títeres Alakrán.

A programación completa do 24º Galicreques coñecerase “nas vindeiras semanas”.

Comentarios