'RAÍCES AÉREAS', TITÚLASE

Mónica de Nut regresa con novo disco “tradicional, pero libre”

Este xoves preséntase en Compostela o novo proxecto musical da cantora, bailarina e performer Mónica de Nut, que se asocia co harpista Luís Martíns para traernos ‘Raíces aéreas’.

monicadenut
photo_camera Mónica de Nut e Luís Martíns

‘Raíces aéreas’ son cancións tradicionais de recollida versionadas por unha Mónica de Nut que lle achega a súa voz espectacular e unhas harpas de Luís Martíns -harpista e luthier- que ás veces parecen guitarras eléctricas. 

Mónica cóntanos máis: “É un proxecto de Luís Martíns e mais eu, que empezamos a buscar cancións antigas de mulleres, de recollidas, dos anos 50. Era como ir á fonte máis afastada pero ao mesmo tempo máis accesible para chegar a esa sonoridade máis ancestral de Galiza. Hai recollidas impresionantes, dunha riqueza moi grande, de voces moi variadas. Partimos das que máis nos gustaban e recreámolo á nosa maneira. Hai varias versións, algunhas máis electrónicas, con efectos, outras máis acústicas, tratando de buscar a esencia, pero levándoo ao noso xeito de tocar e de cantar”.

O disco tamén inclúe algunha improvisación e composición propia e característicos toques eléctricos da harpa eléctrica que podemos chegar a confundir cunha guitarra. Logo hai outra parte do disco, explica Mónica, “que é moito máis limpa, coa harpa acústica soando sen efecto e a voz limpiña. Hai arranxos moi sinxelos, outros máis elaborados. Nalgunhas das cancións tamén hai algo de zanfona e percusión de Lucía Martínez. Nunha canción toca un radiador que había polo estudo. Cousas pouco habituais, pero deixámoslle liberdade xa sabendo da súa tendencia a buscar outras sonoridades. Eu creo que é un disco tradicional pero libre, porque na música tradicional tocabas co que tiñas ao lado: se había unhas culleres, pois unhas culleres. Se hai radiador, radiador [risas]. E quedou moi ben, son temas moi simples, moi breves, non duran máis de 2 ou 3 minutos. É algo delicado, limpiño e eu creo que lixeiro e luminoso”. 

Eu creo que é un disco tradicional pero libre, porque na música tradicional tocabas co que tiñas ao lado: se había unhas culleres, pois unhas culleres. Se hai radiador, radiador [risas].

Terceiro disco

Este novo traballo é “máis lixeiro, máis livián, máis flotante” que o anterior, ‘Dos fíos invisibles’. “Naquel había un peso que descargar, cunha sonoridade de guitarra eléctrica. Aquel era pouco duro. Este para certos ouvidos émáis fácil de escoitar. O anterior era moi de extremos, que podía resultar un pouco agresivo na primeira escoita. Este é máis sutil”. 

Directo

Houbo unha preestrea no Festival da Harpa que tivo lugar hai unhas semanas en Noia, pero non o poderemos ouvir en directo en Galiza até despois de outubro. Só haberá unha pequena ocasión na presentación que ten lugar este xoves na libraría Chan da Pólvora de Santiago. Ás 20.30 horas, en acústico. E logo no Porto (Portugal) e en Errenteria (Euskadi). 

“A sonoridade clásica sígoa usando, pero co tempo funa combinando co jazz, co tradicional, facendo experimentos… Todo iso está no disco. Hai partes máis líricas, outras máis guturais, máis étnicas, máis de improvisación, máis melódicas.

Preguntámoslle como vai ser ese directo, coñecendo a forza da súa presenza escénica. Vai estar a Mónica de Nut ‘performer’? “É que iso non o podo evitar”, responde. “Fago cousiñas, xogo coa voz, fago efectos, xogo co público…”

Mónica parte dunha educación musical clásica e dunha formación vogal lírica. “A sonoridade clásica sígoa usando, pero co tempo funa combinando co jazz, co tradicional, facendo experimentos… Todo iso está no disco. Hai partes máis líricas, outras máis guturais, máis étnicas, máis de improvisación, máis melódicas. É que se eu me poño a crear sae todo iso de min, a miña formación, as miñas vivencias… “

Comentarios