Contracultura

Mónica Alonso: "Levo moito traballando nesa arte que cura, que chega ao público e busca provocarlle benestar"

Mónica Alonso, artista plástica, é a última incorporación da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA). Alonso percorre a súa traxectoria, marcada polo estudo da percepción cromática e a relación entre a psicoloxía e as súas obras, xa que como ela di, "estase a traballar moito a relación entre a arte e a ciencia, abrindo un diálogo e creando proxectos de aprendizaxe para ambas as disciplinas".
A artista plástica Mónica Alonso é natural da Fonsagrada. (Foto: Mar Caldas)
photo_camera A artista plástica Mónica Alonso é natural da Fonsagrada. (Foto: Mar Caldas)

—O seu discurso de ingreso, A arte que cura, xira arredor do seu proceso creativo. Por que?
Non é habitual que haxa textos das artistas sobre esta cuestión, quizais porque non se paran tanto a escribir os procesos ou porque estes son analizados pola crítica. Eu teño un tipo de obra con moitísimo discurso detrás, sempre digo que o que se ve é só unha parte moi pequena e ademais levo moito tempo traballando nesta arte que cura, que chega ao público e busca provocarlle benestar e sandar, mais tamén é unha arte que cura á propia artista. A miña obra curou moitas das miñas doenzas.

O feito de que compañeiras de profesión te seleccionen para formar parte da academia valorando os teus méritos tamén é unha honra, porque o camiño da artista está cheo de complicacións e é importante que haxa un recoñecemento. Non tanto desde unha perspectiva egocéntrica, senón como unha axuda para que as persoas collan folgos e se sintan valoradas. Eu teño 52 anos, é unha idade temperá para entrar nunha academia, e valoro moito que tomaran esa decisión de converterse nun lugar de renovación onde caben propostas máis contemporáneas. Pode ser un referente para outras persoas, para que pensen que hai que loitar, mais que tamén se chega.

—A cor que tanto mencionaba nese discurso tamén é unha parte fundamental da súa obra.
Exacto: os espazos que fun facendo ao longo destes anos coa intención de provocar unha percepción cromática concreta, ser quen de construír unha sensación para envolver a quen mira, polo que tamén teño a miña propia teoría de cores coa que vou reflexionando. En A percepción cromática no ser humano comezo a relacionar variábeis emocionais con cores, por exemplo, felicidade, odio, pracer, infinito, enfermidade... Fágoo con enquisas que despois paso a programas estatísticos e, para min, o interese está na interpretación artística destes resultados: Que pode significar unha felicidade verde ou unha felicidade vermella? Que diferenza hai entre un pracer azul e un pracer branco? Estase a traballar moito a relación entre a arte e a ciencia, abrindo un diálogo e creando proxectos de aprendizaxe para ambas as disciplinas.

Eu sempre fun unha persoa moi sensíbel e que se sentía fóra de lugar, custábame adaptarme ao mundo, e para poder sobrevivir e entenderme cheguei á psicoloxía. Despois fun desenvolvendo obras relacionadas cos procesos psicolóxicos como a angustia, utilizándoa para deseñar os meus espazos, ou inclusive o suicidio.

—Ten algún novo obxectivo no horizonte?
Xustamente este ingreso coincide cunha nova liña de traballo que estou iniciando e que me ten tan ilusionada como cando comecei hai trinta anos. Digamos que a arte que cura comezou coa relación comigo mesma e coas miñas doenzas. Unha vez as dominei pasei ás doenzas das outras dunha forma confesional. Agora o que quero facer é traballar directamente co público a través da psicohabitación, é dicir, as calidades psicolóxicas do espazo, neste caso, o dormitorio. Fago de mediadora entre a persoa concreta e a obra de arte, que é finalmente executada para esa espectadora.

Traballo a través do dormitorio da infancia, os intermedios e o actual coa idea de modificar algúns deles ou chegar a construír o espazo ideal para que chegue a formar parte da súa vida diaria. Ese papel de mediadora fágoo a través de habilidades como a capacidade de diálogo, a sensibilidade cara o proceso ou o non cuestionar o discurso da outra persoa. Así, o tipo de obra que vou xerar é totalmente distinta, cun discurso e un concepto que queda fóra do habitual, aínda que se poida facer nun circuíto de galería, mais é unha obra que xa se introduce na sociedade.

Comentarios