Monforte celebra a Feira Medieval na fin de semana

Durante a fin de semana tamén se celebrará un mercado medieval, que contará con postos de artesanía e comida.
Imaxe da edición do 2019. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da edición do 2019. (Foto: Nós Diario)

Monforte de Lemos acollerá durante o sábado 8 e o domingo 9 de abril de 2023 a celebración da súa Feira Medieval, que terá lugar no centro histórico da vila. Animacións de rúa a cargo de bufóns, xoglares e trobadores, espectáculos de cetraría, un campamento infantil medieval, exhibicións de combate ou práctica de tiro con arco, son algunhas das moitas actividades lúdicas das que poderán gozar os visitantes desta feira ao longo destes días.

Artesanía e comidas

Durante a fin de semana tamén se celebrará un mercado medieval, que contará con postos de artesanía e comida. Ademais, diferentes estabelecementos de restauración da vila servirán menús medievais elaborados para a ocasión. 

O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar.

E o campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos, que tamén serán instalados nesta praza, logo da súa restauración para facelos máis estábeis, coa instalación de rodas. 

Ás 12 horas da mañá do sábado 8 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ao saúda do Alcalde.

Da mesma forma, despois da saúda do Alcalde, e por quinta vez consecutiva, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira Medieval.

Comentarios