Mondoñedo celebra Cunqueiro

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro bota a andar a súa axenda de actividades cunha conferencia sobre Álvaro Cunqueiro e Lezama Lima, impartida por César Cunqueiro, o domingo 22 de decembro, coincidindo co cento oito aniversario do nacemento do polígrafo mindoniense. 
(Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981).
photo_camera (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981).

Álvaro Cunqueiro convidaba, ás viaxeiras e viaxeiros que se achegasen a Mondoñedo, a que se deixasen aloumiñar polo silencio enriquecedor desa cidade e do val que a arroupa, pola antiga música do aire, o ruído das augas e o repenicar das campás.

Agora, o mesmo domingo 22 de decembro, o escritor mindoniense faría 108 anos. Para conmemorar tal efeméride desde a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro dan un paso máis alá e inauguran as actividades da súa Casa coa conferencia “Álvaro Cunqueiro e José Lezama Lima: a luz dun mundo que se arreda”, impartida polo tamén escritor César Cunqueiro. Un relatorio que fará dialogar en total igualdade ao polígrafo mindoniense cun dos máximos expoñentes da literatura hispanoamericana, Lezama Lima (A Habana, 1910-1976).

A Casa dos Cóengos auspicia a conferencia

Acolle a disertación a Casa dos Cóengos en Mondoñedo, o domingo día 22 de decembro ás 12.45 horas, coincidindo co cento oito aniversario de nacemento do autor de Merlín e familia (1955). Convite da Conferencia César Cunqueiro, organizada pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.

Acompañará ao palestrante, César Cunqueiro, a alcaldesa da cidade Elena Candia, que presidirá a mesa de intervenientes, Pedro Díaz, presidente do cabido catedralicio, e mais Armando Requeixo, coordinador de Publicacións e Actividades da CMAC.

Como agasallo, ao final do relatorio, as persoas que asistan ao acto recibirán un exemplar do primeiro caderno da Colección Selva de Esmelle, publicado pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

César Cunqueiro

O escritor César Cunqueiro González-Seco (Mondoñedo, 1941), fillo maior de Álvaro Cunqueiro, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Colaborador en medios diversos con textos de carácter literario e de opinión, foi tamén presidente do Ateneo de Vigo e da Asociación Cultural de Vigo. Como narrador en galego publicou en 1988 o relato “A morte de Nancy Reagan” e en 1993 a novela Beatum Corpus, reeditada por Galaxia no ano 2011. Como poeta en castelán deu á luz Mtesis (1998), Poemas de la aceptación y mirada de Narciso (2003), No Eurídice de nuevo (2007) e La muerte del fauno (2011).

O evento conta co apoio do Excmo. Concello de Mondoñedo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Comentarios