Ignacio Vilar

"Moitos galegos fan o hara-kiri á súa propia cultura"

Esta terza feira no VenhanMáisCinco a claqueta quen a porta é o director de cinema Ignacio Vilar, autor de filmes tan laureados como A Esmorga ou a recente Sicixia.

ignaciovilar
photo_camera Ignacio Vilar, durante unha rodaxe

-Como avalías o estado actual da cultura galega?

-Preocúpame moito comprobar que hai cada vez menos galegos interesados polo seu, pola súa cultura, polo seu idioma, especialmente entre as xeracións máis novas. De seguir así, a nosa cultura camiña inexorablemente á extinción podendo ficar relegada, no mellor dos casos, a unha obra de museo en poucas décadas.  En definitiva, dáme mágoa pensar que moitos galegos decidiron facer o "hara-kiri" coa súa propia cultura.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?

-Sen querer negar o deber das institucións neste senso, coido que cada un de nós debemos asumir a nosa parte de responsabilidade para evitar esa desfeita.  Se temos en conta que a política se move en función das esixencias dos aldeáns e cidadáns, é imperativo que a sociedade tome partido canto antes. Cómpre superar o concepto da cultura de balde que contribúe a degradala ante os ollos da sociedade e que cada un de nós faga un exercicio de autocrítica canto antes. Temos nas nosas propias mans a posibilidade de fomentar o desenvolvemento da cultura galega (pagando un prezo real polo cinema, o teatro, a prensa, a literatura, a música…), falando a nosa lingua e descubrindo a nosa xeografía, a nosa gastronomía, etc. En definitiva, apostando polo noso, como fan outros pobos no mundo.

Cómpre superar o concepto da cultura de balde que contribúe a degradala ante os ollos da sociedade e que cada un de nós faga un exercicio de autocrítica canto antes.

Alén disto, o respaldo institucional debería traducirse sen demora nun consenso entre todos os partidos políticos con representación parlamentaria a prol dun uso transversal da lingua e da cultura galegas, onde estas foran empregadas con total normalidade en todos os eidos, redundando nun beneficio íntegro para a sociedade e deixando de ser empregadas coma unha arma política particular. 

Para os vindeiros cinco anos espero que Sermos Galiza sexa un xornal plural e libre e aspire a converterse nun medio de referencia para a sociedade galega

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-É ben sabido que para a consolidación dunha sociedade democrática é imprescindible gozar dun xornalismo de calidade que arrisque na investigación de temas controvertíbeis. Para os vindeiros cinco anos espero que Sermos Galiza sexa un xornal plural e libre e aspire a converterse nun medio de referencia para a sociedade galega. O futuro do xornalismo dixital acaba de comezar, tal e como demostra a predilección das novas xeracións pola información a través das novas tecnoloxías, e, neste senso, o seu futuro tanto como fonte de información coma de ferramenta de normalización lingüística é prometedor. Alento Sermos Galiza a apostar polo consenso político necesario para unha defensa transversal da nosa lingua e da nosa cultura.
 

Comentarios