Que facer?

Moito teatro para fechar o ano

Os próximos días veñen cargados de actividades, obradoiros e música para as crianzas máis teatreiras

pinocho_vuelve
photo_camera O mundo máxico de Pinocho


Sexta feira 

Cine: "Ficciónate"
San Sadurniño
Casa da Cultura 
20-22.00h

Unha sesión de curtas realizadas por novos talentos do audiovisual galego que se achegarán a San Sadurniño para participar nunha mesa ao redor da creación, da situación actual do sector e das mensaxes que tentan transmitir coa súa obra. Proxectaranse as seguintes pezas: Rancor, de Miguel Morales; El Comediante, de Óscar Cruz; Fálame do silencio, de Lois Blanco; e Unary, de Luís Avilés. Entrada gratuíta. 

Presentación de Curuxa, a voz de Azazel.
Pontevedra
Libraría Paz
18.00h

Presentación de Curuxa, a voz de Azazel. Retranca editora publica o primeiro traballo deste creador de banda deseñada, noventa páxinas a cor orientadas a lectores a partir de seis anos.

O castiñeiro do Apalpador
Taboada
Salón de actos da antiga casa cuartel
17.00h

O actor Inacio Vilariño, da compañía Fantoches Baj, achégalles ás crianzas de máis de tres anos unha das figuras do Nadal tradicional galego: O Apalpador. Unha peza baseada na literatura tradicional en que o Apalpador conta por que no Nadal reparte castañas entre as crianzas.

O mundo máxico de Pinocho
O Carballiño
Auditorio Municipal 
18.00h

Espectáculo de teatro infantil de Educateatro Producións destinado ao público infantil a partir de dous anos. Unha obra que combina diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpo´reos. 

Máxico Circus Cabaret
Carballo
Pazo da Cultura
18.00h

Unha representación que se vai complicando cun patrón dun circo no que non traballa ninguén... Espectáculo de maxia, comedia e humor creada e interpretado por Cayetano Lledó.

Obradoiro de xogos e xoguetes en galego
Cariño 
Local Social da Casa do Concello
11.00h

Un obradoiro para familias con crianzas entre os 2 e os 10 anos para partillar espazos e tempos de ocio en galego.

Segunda feira 

Pontenadal no Teucro
Pontevedra
Praza do Teucro
18-20.00h

Obradoiro de artes plásticas: paisaxes de inverno. E na terza feira, día 3, obradoiro de madeira, de 12 a 14 horas; contacontos e debuxos de Nadal, de 18 a 20 horas. 

Bonecos en escena
Santiago de Compostela
Biblioteca de Galiza
12.00h

Obradoiro de títeres a cargo de Xandobela para público de sete a doce anos.  Os participantes deberán confeccionar os seus propios títeres para a posterior representación da obra. De balde, previa inscrición.

Datas: 2, 3 e 4 de xaneiro (os mesmos participantes para os tres días).

Cantarolas pra xente miúda
A Estrada 
MOME
20.00h

Concerto didáctico para dar a coñecer o proxecto musical homónimo de Suso Vaamonde e de Xosé Neira Vilas. Músicos do grupo A Roda achegan esta actividade para que as crianzas coñezan o proxecto musical de dúas das figuras máis representativas da historia da nosa música e das nosas letras.

Terza feira 
Extrapictóric@s
Santiago de Compostela
Centro Galego de Arte Contemporánea
11.00h
A través da investigación e experimentación con diferentes materiais as crianzas mergullaranse dentro das infinitas posibilidades da creación artística. Recomendado para crianzas de sete a nove anos. A inscrición nos talleres é gratuíta.

Mulleres do silencio 
Vigo
Marco
Até 16.04.2017
A exposición Mulleres do Silencio. De Maruja Mallo a Ángela de La Cruz realiza un percorrido pola obra dalgunhas das artistas galegas desde as primeiras décadas do século XX até os anos noventa, ofrecendo unha visión máis ampla sobre as achegas e o papel das artistas de diferentes xeracións na historia da creación plástica da Galiza contemporánea. 

Comentarios