Unha fin de semana cargada de propostas musicais

Mais hai tamén espazo para un roteiro por volta das Irmandades da Fala en Compostela e unha nova edición da Limpeza Simultánea de Rïos promovida por Adega.

uxia
photo_camera Uxía, este sábado en Guillarei

Da avaricia, a luxuria e a morte 

Narón
Pazo da Cultura
Sexta feira
20.30h

Teatro do Noroeste estrea "Da avaricia, a luxuria e a morte", un espectáculo de grande formato con oito intérpretes, cinco actores e tres músicos, creado cos textos de Valle-Inclán “Ligazón”, “A Rosa de Papel” e “A Cabeza do Bautista”

Festival Voces de Muller

Lugo 
Praza Cei Nodus, Parque de Bombeiros
Sexta feira e sábado
17.00h

Barbarian Prophecies, Raiceira, West Side Bones, Verónica Cambón, Chigliak, Rut León e David Taboada serán algunhas das encargadas de dar voz a este encontro. 

VII As Penizas Folk

Guillarei
Monte das Penizas
Sexta feira e sábado

Este festival solidario contará cos concertos de Xulio Lorenzo e Pelepau (sexta feira), e Treboeiros da Muimenta, Os Carunchos e Uxía (sábado), entre outros. 

VII FestiVal das Brétemas
Ponteareas
Feira Vella 
Sexta feira e sábado

Baixo o Bre-Tema “Somos do Monte”, este festival multidisciplinar combina sesión vermú, presentacións literarias e serán con música ao vivo de Zenzar, Tamborililás, Pandereteiras de Gargamala e moito máis.

As Irmandades da Fala en Compostela

Compostela
Praza de Mazarelos 
Sábado
12.00h

A AC. O Galo organiza un roteiro, guiado pola profesora Mercedes Espiño, para coñecer lugares chave deste movemento fundamental para a historia e a cultura galegas. 

XIX Romaría Galega

Tordoia
A Pontraga
Sábado

Unha festa popular na que non faltará sesión vermú, bandas de gaitas e grupos infantís, xantar popular, xogos, baile e música con Do Fondo do Peto, Cuadrilla do pan quente, Os Trovadores e As Lavercas.

Unha cultura con superpoderes

Compostela
Praza de Cervantes
Sábado

A praza de Cervantes arroupa a II edición do Festival Rosalía para encher a cidade de concertos, danza, libros e obradoiros ao longo do sábado 29 de setembro. Organizado pola Deputación da Coruña e mais o Concello de Santiago, o festival contará cunha feira de produtos “con marca Rosalía”. A música poñerana Os Quinquilláns co seu Pasarrúas Rosaliano; Son Trío cunha reinterpretación de Follas Novas e jazz; o folk de Val das Mouras; e coa Rosalía Pequeniña de Uxía para as crianzas.

XI Limpeza Simultánea de Ríos

Un ano máis a sumar forzas nunha nova edición das limpezas simultáneas de ríos, organizada por ADEGA. Unha xornada de retirada de lixo dos cursos fluviais, ríos e ribeiras, polo voluntariado participante. A data na que se realizará a actividade será o domingo 30 de setembro e para participar podes unirte a algún grupo organizado perto do teu concello ou ben promover a limpeza nun río como coordinadora. Contacta con ADEGA.


 

Comentarios