Modesto Brocos, retratista de Rosalía, pintor da teoría do branqueamento

A redenção de Cam, obra de Modesto Brocos, retratista de Rosalía, foi usada como ilustración exemplificadora da teoría do branqueamento defendida e difundida no Brasil de fins do século XIX e comezos do século XX.

Modesto_brocos,_redenzione_di_cana,_1895 A pintura de Brocos foi usada polo médico e director do Museo Nacional, João Batista de Lacerda, como ilustración para o ideal de branqueamento. Na Conferencia Internacional Londres no ano de 1911 Lacerda mostrou ao mundo o seu propósito para o Brasil. Aínda que Modesto Brocos non pintara exactamente o que o director do museo interpretou, esa foi a idea transmitida: o Brasil precisa un neto branco, neste caso froito da relación entre unha mulata e un home branco.

Retrato de Rosalía

Modesto Brocos naceu en Compostela en 1852. Morreu no Rio de Janeiro en 1936. No intervalo estivo na Arxentina, en Roma, en París, en Madrid. Entre nós é coñecido como o autor do retrato de Rosalía que hoxe podemos ver en Padrón. Brocos comezou a pintar este retrato en 1880. Visitou en tres ou catro ocasións a Rosalía (nun artigo publicado polo propio Brocos no Almanaque gallego de Castro López, en Buenos Aires aparece esta información) para traballar no retrato. Brocos é, na altura, un intelectual que xa pasara por escolas de París, de Roma ou de Madrid. Xa traballara con Henri Lehmann, con Ernest Héber e con Madrazo. Coñecía Sthendal. No retrato de Rosalía pinta unha igual, unha intelectual, unha escritora. Rosalía aparece seria, segura e serena. É o único cadro que coñecemos para o que posou. Cando Rosalía morreu, en 1885, o cadro estaba aínda sen rematar e Brocos escribe desde Italia a Murguía (en 29 de setembro de 1885, segundo podemos ler en Cartas a Murguía II, edición de Xosé Ramón Barreiro Fernández e X.L. Axeitos ) para dar o pésame. Na mesma carta pide que ninguén lle toque ao cadro, que el o quere rematar á volta da súa viaxe. E rematouno.

Pintar o neto branco

A redenção de Cam é un cadro de 1895, aínda que xa andaba a traballar nel vinte anos atrás. O cadro, alén dos seus valores como obra de arte, axiña aparece unido á teoría do branqueamento racial. Entre a segunda metade do século XIX e a primeira do XX, en varias partes do mundo agromaron as teses que defendían a idea de que o home branco europeo tiña o padrón da mellor saúde, da maior beleza e da maior competencia civilizacional en comparación ás demais razas, como a amarela, a vermella ou a negra. Algúns intelectuais brasileiros incorporaron esas teses e delas derivaron outra, á súa vez, aplicábel ao contexto do Continente Americano: a tese do branqueamento. A defensa do branqueamento tiña como punto de partida o feito de que, dada a realidade do proceso de miscixenación na historia brasileira, os descendentes de negros pasarían a ficar progresivamente máis brancos a cada nova prole xerada.

Retrato de Rosalía de Castro de Modesto BrocosO antropólogo e médico João Baptista de Lacerda foi un dos principais expoentes da tese do embranquecemento entre os brasileiros, participando, en 1911, do Congreso Universal das Razas, en París. Ese congreso reuniu intelectuais do mundo todo para debater o tema do racialismo e da relación das razas co progreso das civilizacións. Baptista levou ao evento o artigo sobre os mestizos do Brasil en que defendía o factor da miscixenación como algo positivo, no caso brasileiro, por conta da sobreposición dos trazos da raza branca sobre as outras, a negra e a indíxena.

Nun fragmento do referido artigo, Baptista manifesta ben ás claras a ansia do branqueamento ao afirmar: “A população mista do Brasil deverá ter pois, no intervalo de um século, um aspecto bem diferente do atual. As correntes de imigração europeia, aumentando a cada dia mais o elemento branco desta população, acabarão, depois de certo tempo, por sufocar os elementos nos quais poderia persistir ainda alguns traços do negro.”

Na presentación da súa teoría no Congreso Universal das Razas Baptista utilizou unha copia do cadro de Modesto Brocos para afirmar a súa tese. A imaxe dunha familia na que vemos á esquerda, unha señora negra ollando para os ceos en xesto de agradecemento e unha muller mestiza suxeitando un neno branco; á dereita, un home branco observando a esposa e o fillo transmite, segundo Baptista, categoricamente a tese que defendía: o embranquecemento a través das xeracións.

Arte ao servizo da República

A pintura de Brocos, que fora medalla de ouro na Exposición Xeral de Belas Artes de 1895, propón a difuminación da cor negra na sucesión de descendentes e inserindo nesa sucesión a redención dunha raza maldita, isto é, a descendencia de Cam, fillo de Nóe, que, no libro da Xénese, é maldicido polo pai. A historia de Cam, a despeito de seu simbolismo bíblico, foi interpretada ao invés polo racialismo do século XIX, no cal Brocos estaba envolto. O escurecemento dos descendentes de Cam desembocara na raza negra africana, mais agora podía ser “redimida” por medio da mestura coa raza branca europea.

O cadro de Brocos está hoxe no Museu Nacional de Belas Artes (IBRAM / MINC). O ideal de nación baseado na formación dunha raza propiamente brasileira e de base latina (conformada coa inmigración italiana, española e portuguesa) era partillado por boa parte das elites brasileiras, de aí que se convertese en cuestión de Estado, e estendeuse de finais do século XIX a comezos do século XX. Usar unha obra de arte para ilustrar ese proxecto persegue traducir ese ideal para as clases populares co obxectivo de configurar un ideal de nación no inicio da República.

A Redenção de Cam representa o ideal de nación brasileira; Rosalía representa o ideal de nación galega. Modesto Brocos soubo interpretar ambos e, como veremos nun texto a publicar no semanario en papel no 12 de maio, moitos millares de galegos contribuíron tamén nese proceso de miscixenación.

Na parte superior do texto aparece A Redenção de Cam e no meio, o retrato de Rosalía.

Comentarios