#MobilizaRosalía de Ribadeo a Braga

Esta cuarta feira 24 de febreiro, ducias de actos por toda a xeografía galega lembrarán á poeta de Padrón, que nacía hai 179 anos en Compostela.

Rosalia3
photo_camera Ilustración de Paula Mayor (Deputación da Coruña)

A AELG propuxo celebrar este día nas redes sociais co hashtag (ou cancelo) #MobilizaRosalía, e convida a facer un envío masivo e simultáneo dun verso acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía desde os terminais móbiles. Esta asocición busca desde 2011 institucionalizar o 24 de febreiro como unha xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día.

Mentres, a Fundación Rosalía celebra a tradicional alborada e ofrenda floral diante da estatua da Alameda en Compostela, ademais dunha lectura de poemas por parte do alumnado do IES Rosalía de Castro. Logo, en Padrón, haberá tamén flores e música, coas Cantareiras do grupo Rosalía de Castro e o concerto de Xardín Desordenado.

Desde a Deputación da Coruña, a través da súa área de Cultura, púxose en libre circulación catro novas imaxes de Rosalía de Castro creadas para a ocasión por catro deseñadoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor. “Son catro novas interpretacións desde catro creadoras de hoxe da que é un referente indiscutíbel da nosa cultura. Rosalía foi interpretada a través da poesía, da música, do teatro ou as artes plásticas e nós quixemos que catro ilustradoras deitasen a súa mirada sobre ela para que, como as grandes iconas do noso tempo, a súa imaxe se difundise nas redes de maneira exponencial”, comenta a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei.

En Lugo a Deputación inaugurou onte segunda feira a exposición fotográfica 'Airiños aires, Rosalía' de Xurxo Lobato (sala de exposicións da Deputación), quen retratou lugares e obxectos relacionados coa autora. 

Rosalía lusófona

A AGAL tamén puxo en marcha a iniciativa Rosalía é Mundial, que vén de publicar 18 vídeos nos que diferentes persoas de toda a Lusofonía len un poema de Rosalía con cadanseu sotaque: desde as galegas Carme Saborido, Rafa Janeiro, Carlos Quiroga, Maria do Cebreiro, Susana Arins e Andrea Nunes, até portugueses, angolanos e brasileiros.

Amancio Prada na RAG

O cantor berciano ofrecerá un concerto o propio día 24 na sede da Real Academia Galega. O músico interpretará coa súa voz e guitarra composicións da poeta, á que leva cantando máis de corenta anos. Lembramos queAmancio Prada publicou en 1975 un disco xa histórico titulado  Rosalía de Castro, sendo o primeiro que puxo en valor as posibilidades musicais da poesía rosaliana. 

Rosalía en Braga

En Braga, o día de Rosalía, homenaxearase a nosa autora universal cun concerto de Uxía e Sérgio Tannus con Joao Gentil (acordeón) como convidado e Galandum Galundaina (Tras os Montes). 
No Auditorio do Conservatorio da Gulbenkian. E o xoves 25 de febreiro celebrarase unha nova xornada de Converxencias Galicia - Portugal, cun acto na Rúa Rosalía de Braga, un coloquio sobre a autora no Centro de Estudos Galegos da Universidade do Miño, e logo unha actuación musical de Roi Casal e dos bracarenses Canto D'Aqui. 

Unha manchea de actos por todo o país

Centros de ensino, asociacións e concellos celebran ao longo de todo o país esta xornada con diferentes actividades. A AELG colleitou boa parte dos actos que terán lugar en todo o día. 

Comentarios