Único concerto en Galiza

O mito tropicalista Gilberto Gil tocará o 16 de xullo en Vigo

Nas costas carga algúns dos máis importantes discos da música popular brasileira. Nado á escena no período tropicalista, aquela festa de canibalismo pop e rebeldía política que deu no seu exilio, Gilberto Gil  transitou despois polas sonoridades das diásporas africanas: soul, reggae, disco, afrobeat. Sempre cun aquel mestizo. Este 16 de xullo ofrecerá o seu único concerto galego en Vigo.

Gilberto Gil
photo_camera Gilberto Gil. Foto: cedida.

A Galiza -Auditorio do Mar, 21.30 horas- chegará con Ok ok ok (2018) debaixo do brazo. Trátase talvez do seu traballo recente máis celebrado, publicado aos 76 anos de idade. Non por acaso a vellez é un dos asuntos centrais desta colección de cancións. “Contraintuitivo e político”, cualificou a prensa do seu país a xira de presentación.

Ok ok ok trae a familia, os encontros do núcleo íntimo de amizades, a doenza que sufriu e aqueles que o axudaron a pasar por ela”, sinala o comunicado de prensa de Nordesía, promotora da actuación. Atrás queda aquela fixación xamaicana que o levou mesmo a rexistrar un álbum de versións de Bob Marley, o mediano Kaya N'Gan Daya (2002).

Mais a frondosa carreira discográfica de Gil, da que recolle petiscos nas presentacións da súa última obra, inclúe pezas mestras do pop mundial. O Gilberto Gil (1968) tropicalista, o soul folk doutro elepé homónimo -gravado en 1971 no exilio londrino, a viaxe nordestina de Refazenda (1975), o africanismo juju e afrobeat de Refavela (1977) ou o case new wave Raça Humana (1984) son apenas algunhas mostras.  

Ex ministro de Cultura nos gobernos de Lula entre 2003 e 2008, militante do Partido Verde, Gilberto Gil visitou Galiza noutras ocasións, a última das cales dista xa 15 anos.

Comentarios