martes 14.07.2020
Cultura

A MIT de Ribadavia outorga o premio de honra a Marta Pazos

A mostra coproduce a próxima obra de Voadora, 'Othello'
Marta Pazos [Miramemira].
Marta Pazos [Miramemira].

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vén de anunciar que Marta Pazos, directora artística e de escena de Voadora, será recoñecida nesta edición co Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas. A MIT de Ribadavia, que se celebrará do 17 ao 27 de xullo, renderá homenaxe a unha profesional que define como "unha das creadoras escénicas máis puxantes do panorama teatral contemporáneo" e que, co seu labor, "propiciou a consolidación dun equipo interdisciplinar no que priman a música e a suxestiva plástica escénica como principais sinais de identidade".

"Este premio é a constatación dos valores que fomos descubrindo, do acompañamento que este festival foi realizando, das portas que nos fomos axudando a abrir e do moito que lle queda por voar a esta creadora galega universal", apunta a dirección da MIT nun comunicado. Neste senso, a organización do encontro escénico salienta "a actividade crecente, as investigacións constantes na linguaxe artística contemporánea e a fulgurante proxección de Marta Pazos", que se manifestan "na cantidade de convites que recibe para dirixir, estrear ou coproducir proxectos con diversas institucións de prestixio no ámbito escénico coma o CDG, CDN, Festival de Almada ou o Teatro Español".

Pola súa banda, Pazos agradeceu o recoñecemento e definiu a mostra como "moito máis que un festival ou punto de encontro". "A MIT é unha casa á que volver e da que sempre saímos renovadas polo cariño, apoio e os novos horizontes que abren", sinala, ao tempo que lembra que o festival, nos últimos anos, coproduciu dous espectáculos de Voadora que naceron a partir de textos de William Shakespeare: Soño dunha noite de verán e A Tempestade. Ao fío, Pazos avanza que o espectáculo que fechará esta triloxía de pezas clásicas, Othello, tamén será coproducida coa MIT e basearase na posverdade e nas violencias machistas.

comentarios