venres 07/08/20

O MIT de Ribadavia afronta a súa última fin de semana

O dramaturgo Pablo Remón presenta dúas obras diferentes
Estampa do espectáculo 'Doña Rosita anotada'.(Foto: Vanessa Rabade).
Estampa do espectáculo 'Doña Rosita anotada'.(Foto: Vanessa Rabade).

A XXXVI Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia encara a súa derradeira fin de semana presentando unha retrospectiva sobre o dramaturgo e director Pablo Remón con dous dos seus últimos espectáculos. Producidos por Teatro Kamikaze, poderán verse o  sábado 25 (Dona Rosita anotada) e o domingo 26 (Soños e visións de Rodrigo Rato), ás 23 horas no Auditorio do Castelo.

Pola súa banda, o colectivo  Azkona & Toloza achegou durante a noite de onte a súa celebrada montaxe Terras do  Sud, "unha impactante peza visual e documental que aborda a barbarie do colonialismo contemporáneo".

Ao longo desta derradeira fin de semana do certame, o público poderá gozar, así mesmo, dos espectáculos de rúa Copyleft, de Nicanor de  Elia; Pink  Unicorns, da Macana; e Distans, da compañía Vol’e Temps, dentro do ciclo Ruadavia, na Alameda

Finalmente, a segunda feira 27 de xullo, ás 12 horas, terá lugar o acto de entrega do Premio Abrente, ademais dun encontro coa Asociación DramaturGa e o anuncio do espectáculo gañador do Premio do Público nesta XXXVI edición da MIT, que se pode votar a través da web oficial do festival: www.mitribadavia.gal  

Un festival que se adaptou aos novos tempos

Este 2020, baixo o lema A ceo aberto: liberdade, creatividade e diversidade, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ofreceu ao público asistente un total de 24 espectáculos e actividades paralelas, como presentacións de libros e obradoiros ao aire libre en máis dunha ducia de espazos con encanto, como o Auditorio do Castelo, e con nomes destacados como Teatro en albas ou  Nova Galega de Danza.

Para facelo posíbel, desde a organización tiveron que deseñar unha estratexia asentada en espectáculos gratuítos de rúa, con asento preasignado previa recollida da correspondente invitación, tal e como estipula a normativa vixente en materia de prevención sanitaria contra a Covid-19.

Artes de circo, danza, teatro de obxectos e narración oral encheron así de acción a capital do teatro da Galiza neste mes de xullo, con artistas como o franco-arxentino Nicanor de Elia,  os devanditos Vol’e Temps, Xampatito Pato ou A Macana.

comentarios