'A mística da feminidade en Mad Men', de Xosé Antón Cascudo, premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O ensaio será publicado na Editorial Galaxia ao longo do próximo ano.
O xurado destacou a "aposta aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico". (Foto: Nós Diario)
photo_camera O xurado destacou a "aposta aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico". (Foto: Nós Diario)

O xurado do XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, organizado conxuntamente pola Xunta da Galiza e mais a Editorial Galaxia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e co patrocinio de Caixa Rural Galega, vén de outorgar gañador Xosé Antón Cascudo pola súa obra A mística da feminidade en Mad Men.

O secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, e o director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, participaron na mañá desta segunda feira da reunión do xurado que decidiu a obra galardoada. O premio está dotado con 3.000 euros e coa publicación do ensaio por Galaxia durante o próximo ano.

Entre outros aspectos, as persoas que conformaron o xurado salientaron deste texto "a súa aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión a mellor das análises e do pensamento sobre o tema".

"Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, o ensaio achega unha proposta que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo", engadiron.

Desde o xurado quixeron valorar positivamente, tamén, a "variedade e interese" do conxunto dos traballos presentados, algo que, precisaron, "amosa a vitalidade do xénero ensaístico na Galiza e a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando desde hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Goberno galego".

O autor do ensaio, Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976) é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, alén de poeta —publicou en 2007 Manual do misántropo en Espiral Maior— e director de documentais. Licenciado en Historia da Arte, é tamén doutor en Filosofía e un dos máis estimados estudosos galegos do eido audiovisual.

Comentarios