Misa rocieira, sevillanas e feira taurina inauguran as Festas de María Pita máis españolas

Primeiro fin de semana das Festas de María Pita e o goberno de Carlos Negreira mostra a súa clara aposta pola españolización das populares celebracións. A discriminación do galego na información e na promoción, súmase un programa que onte domingo, vén podería ter lugar en Triana. 

Sevillanas
photo_camera Sevillanas

Feira taurina no Coliseo e misa rocieira e sevillanas nos xardíns de Méndez Núñez. O primeiro fin de semana das Festas de María Pita da Coruña incluía no seu programa actividades que vén poderían confundir aos turistas aos que Carlos Negreira quere compracer coas festas grandes da Coruña. O último día da feira taurina pechábase coa escasa afluencia de xente coa que comezou, sen cubrir sequera a terza parte do aforo mais recibindo os 90.000 euros por parte do goberno municipal do que pedirán contas tanto os grupos da oposición como a plataforma Galiza, mellor sen touradas, que o domingo congregaba na cidade a máis de dúas mil persoas contra o apoio municipal e reclamando a abolición da festa taurina. 

Na mesma xornada na que se pechaba a feira taurina, os xardíns de Méndez Núñez acollían traxes de volantes na conmemoración de Andalucía no certame de “Casas Regionales” que incluía no seu programa a celebración dunha  misa rocieira -con crego incluído- con procesión á Virxe do Rocío ademais da actuación da agrupación “Alto Guadalquivir” e a degustación de produto típicos andaluces. 

As festas iniciáronse tamén, un ano máis, coa protesta da Mesa pola Normalización Lingüística ao querer o goberno municipal marxinar o galego na difusión e promoción das festas de María Pita. A Mesa denuncia que o concello non difundiu programas de man na nosa lingua nin promove a información en galego na rede. A asociación iniciou unha campaña para esixir a presenza do galego nas festas ao goberno municipal da Coruña. A crítica da Mesa chegaba cando o alcalde da cidade, Carlos Negreira, inaugurara a Feira do Libro en español nun acto que pechaba a banda de música coa interpretación do himno de España. 

Comentarios