Miro Casabella e Paco Ibáñez protagonizan en Cambre un concerto dos que non se esquecen

Un pavillón cheo até a bandeira gozou coas cancións de dous imprescindíbeis da canción de autor. 

miro e paco
photo_camera Imaxe: @xosemexuto

‘A Galopar’ cantada a dúas voces – Miro Casabella e Paco Ibáñez- e acompañada polas palmas e gorxas das centos de persoas que enchían o Pavillón Sofía Toro de Cambre foi o broche perfecto para un deses concertos que van permanecer moito tempo na memoria das asistentes. Dous nomes referentes da canción de autor, Miro Casabella e Paco Ibáñez, coincidiron no escenario no concerto homenaxe ao primeiro, organizado polo Concello de Cambre.

concerto miro e paco ibañez

Non faltaron os temas clásicos e momentos emotivos. ‘O meu país’ e ‘A casadiña infiel’ (traendo as lembranzas daqueles inesquecíbeis Doa) de Casabella e o ‘A Galopar’ e ‘Palabras para Julia’ de Ibañez, por poñer só uns exemplos. A zanfona do de Valadouro e a guitarra do valenciano acompañaron unhas cancións que en boa medida xa fan parte do cancioneiro popular, quer galego, quer español.

Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) é unha das referenzas da canción protesta galega. Uniuse a este fenómeno xa en Cataluña, acompañando a cantantes da Nova Cançó, e alí gravou os seus primeiros discos a finais dos sesenta. En 1968 uniuse ao grupo Voces Ceibes, aínda que non duraría moito porque seguiu a vivir en Barcelona. A finais dos 70 únese ao grupo folk Doa, pero a súa colaboración non vai máis alá do seu primeiro disco. Publicou o seu último disco, 'Orballo', en 2004.

Comentarios