Dedícase a tecer, á historia da arte e á súa empresa de artesanía, Fusaiola

Miriam Fernández: "Na festa da tasca mostrámoslle ao público como se traballa o liño"

Miriam Fernández é historiadora da arte, forma parte da Asociación de mulleres rurais San Bartolomeu de Ínsua (Vilalba) e é empresaria do téxtil coa marca Fusaiola, que conta co selo de Artesanía da Galiza. En 2019 o Instituto de Estudos Chairegos publicou o seu libro As mulleres de Ínsua e o liño. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica. Conversamos con ela, entre outras cousas, sobre como chegou a ser tecelá e sobre a realización da tasca do liño. 
MiriamTecela (1)
photo_camera Miriam Fernández.

Como é que lle espertou o interese por tecer?
Todo comezou hai 12 anos, na parroquia de San Bartolomeu, onde fundamos as mulleres unha asociación que nun principio era para ter un punto de formación e información feminino no rural porque sobre todo as mulleres maiores non tiñan outras actividades próximas ás que acudir. Partiu como unha asociación común pero un ano despois decidimos dedicarnos á recuperación do cultivo do liño, e foi aí onde tomei contacto e onde seguimos, empezamos a coñecer e estudar o que era o tecido, a recuperación do proceso do liño, dos apeiros... Tivemos os primeiros obradoiros con profesorado que nos deu clases de tear... Co tempo a miña nai e mais eu centrámonos no tema, continuamos a formación e fundamos o noso obradoiro. 

O seu obradoiro é Fusaiola, como está a funcionar?
Pois desde hai algo máis de catro anos temos o selo de Artesanía da Galiza e iso implica calidade e identidade tamén. O obradoiro aínda é pequeniño, non temos tanta forza coma outros artesáns e artesás a día de hoxe pero si tentamos, ademais de seguir a nosa liña de base, de tecido tradicional, innovar, introducir en pezas actuais tecidos que nos lembren os tradicionais.

Venden só de maneira presencial ou tamén en liña?
Antes do confinamento vendiamos sobre todo de maneira presencial, venda directa, e tamén tiñamos demostracións do oficio, feiras de artesanía... e compaxinabámolo dando cursos de tear de alto e baixo lizo e doutras técnicas derivadas. Agora con isto da Covid-19 traballamos máis outras solucións, como poden ser as redes sociais.

E tamén é historiadora da arte. Como compaxina todo?
Tanto a de historiadora como a de artesá son dúas profesións das que é complicado vivir exclusivamente. Gústame moito a investigación e xa que teño a técnica de tecer fago artigos de investigación como, por exemplo, o funcionamento de elementos téxtiles do mundo antigo ou teares. Axúdame a descubrir como se facían as cousas e propor as miñas hipóteses porque moitas veces a partir dos libros só sabes a parte teórica e cando as queres levar á práctica atopas cousas que non concordan. 

Ademais de tecer, que outras actividades desenvolven desde a asociación?
Está centrada, sobre todo, no cultivo do liño, porque as mulleres máis vellas non se dedican tanto a tecer. Adoitamos levar cousas nas que teñan interese todas as asociadas, tivemos cursos de trenzado, de pintura, de bordado portugués... E tamén hai outras actividades máis centradas na vida saudábel. E logo, como falabamos, todos os anos facemos a festa da tasca e nela mostrámoslle ao público como é o traballo do liño, organizamos mesas redondas para que diferentes profesionais nos falen de temas relacionados co liño, os teares, o tecido...

Pode explicar máis a fondo que é iso da festa da tasca?

Na nosa zona chamábaselle o Día da Tasca á xornada na que se xuntaban mulleres e homes unha vez que se tiña recollido o liño, para preparalo para poder tecer. Noutros lugares chámaselle fiadeiro. Agora no verán recollíase o liño, levábase ao río e logo secábase e xa se gardaba para o outono. Nese momento facíase a tasca, primeiro mazaban o liño e logo tascábano, é dicir, preparábano para despois fiar. Na Terra Chá producíase bastante liño e nas tascas xuntábase moita xente e, coma nas fías, despois do traballo había troula.

 

Comentarios