Entrevistamos Antonio García Teijeiro

"Mírannos con moito respecto cando viaxamos por aí"

Vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil [a nivel estatal] cunha obra escrita en galego, Poemar o mar. O seu nome súmase así ao de Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas. É Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952), unha figura xa consolidada nas letras galegas que tamén foi Premio Merlín e Premio Pier Paolo Vergerio. Publicamos un adianto da entrevista que recolleremos no Sermos Galiza 267, á venda desde esta noite na loxa e a partir da quinta nos quiosques.

[Imaxe: Anxo Cabada] Antonio G. Teijeiro
photo_camera [Imaxe: Anxo Cabada] Antonio G. Teijeiro

Que supón para ti este novo recoñecemento?

Após ter un premio europeo, que aquí non se valorou moito pero que é importante [o Pier Paolo Vergerio], que no Estado gañes o Premio Nacional cun libro de poesía en galego para min é a máis grande satisfacción, porque hai tempo que deixei a narrativa a un lado por escribir poesía. Sigo crendo que ese xénero esquecido é necesario, pero a xente tenlle moito medo.

E a que se debe ese medo?

Débese a que a xente non foi educada na sensibilidade poética, porque a poesía sempre foi recitar como papagaios e poemas pouco axeitados cando se estudaba. Eu lembro, cando estudaba, que non había un poema que pagase a pena e a poesía case non existía máis alá do libro de texto, e algunha cousa só, para despois facer un comentario. Eu creo na poesía como medio de transformación da persoa, como medio de emoción, de cultivar as emocións e a sensibilidade. Igual que coa música. Son as miñas dúas grandes paixóns, a poesía e a música, e considero que a poesía ten que estar presente desde as primeiras idades para as nenas e os nenos. Loxicamente, desde hai moitísimo tempo, tratei de levar iso adiante. Como docente, as miñas clases empezaban sempre cun poema; nos últimos catro anos estiven dando obradoiros a rapaces de Secundaria e era unha pasada como eles se emocionaban a través da poesía... para min iso é fundamental. Eu manteño que os adultos, polo que che dicía, viven de costas á poesía, pero aos rapaces encántalles e iso é o que sempre me animou. Este premio reforza e dá azos para continuar por unha liña pola que creo que hai que seguir. Agora que estou xubilado, hai xente que está facendo cousas por min, cousas que eu facía, e iso éncheme de satisfacción.

Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas e agora Antonio García Teixeiro. Que riqueza de literatura infantil e xuvenil! Temos algo que envexarlle a outras LIX doutros sistemas?

Temos unha literatura galega dun altísimo nivel. Eu leo moitísima literatura infantil e xuvenil, en castelán, catalán e en galego, e traducións do vasco, e podo dicirche que a nosa literatura está á altura de calquera. É unha auténtica referencia en literatura infantil e xuvenil a todos os niveis. Por iso eu estou moi satisfeito, porque se está a valorar moitísimo a nosa literatura e porque seis Premios Nacionais dunha lingua como a nosa é algo moi complicado. Isto débese a que hai moitísima calidade dentro. Ademais, son libros completamente diferentes os seis, non teñen nada a ver. É estupendo que haxa variedade e calidade. Mírannos con moito respecto cando viaxamos por aí.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 267, á venda na loxa desde a noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira]

Comentarios