A mirada de Xurxo Lobato sobre a identidade galega móstrase en Barcelona

Co título “Fotografía e identidade” relevantes especialista en fotografía documental debaterán arredor da obra de Xurxo Lobato. Será nesta terceira feira na sede da FNAC de Barcelona, onde o fotógrafo ten instalada unha exposición con obra da súa traxectoria arredor da tradición e a modernidade galega. 

Foto: Xurxxo Lobato
photo_camera Foto: Xurxxo Lobato

“Fotografía e identidade”, é o título do encontro arredor de Xurxo Lobato no que participan, ademais do propio autor, o especialista en fotoxornalismo, Pepe Baeza, o profesional da edición de arte, Carlos Pérez de Rozas, autor da remodelación de La Vanguardia ou Silvia Omedes, directora de Photographic Social Vision. As imaxes de Xurxo Lobato expostas na mostra da FNAC, saídas das recollidas no libro publicado por La Fábrica estarán no horizonte do encontro no que se revisará a mirada do fotógrafo sobre a identidade e as transformacións da tradición. 

A mostra inaugurada en Barcelona estivo previamente na Coruña, en Madrid, en Zaragoza e Donosti e continuará a súa ruta por distintos espazos da cadea como os de Málaga e Valencia. Son fotos referenciais xa da traxectoria de Lobato, algunhas de hai máis de vinte anos, nas que se mostra a súa liña de autor, alonxada por veces do traballo de fotoxornalista que desenvolveu en boa parte da súa traxectoria profesional. 

“Trátase dunha visión particular da identidade galega que se recolleu en varias exposicións como Jalisia is my country ou Jalisia sitio distinto que xiran arredor da visión crítica do entorno e dos cambios sociolóxicos en Galiza nos últimos anos. A imaxe da paisana coa camiseta de Popeye do cartaz pode ser un exemplo dese concepto”, explica Lobato. 

Galiza fóra

Na obra que agora se pode ver en Barcelona, o autor fai visíbeis os contrastes entre a cultura da globalización e a tradicional, nun traballo que iniciou por volta dos anos oitenta e continúa na actualidade. “O país sigue a cuestionar a súa identidade. En ton de certa retranca diría que a música de aquí é a caribeña, a comida é o churrasco e a música popular, a de Panorama”, anota, dun mundo que el quere documentar para deixar testemuña da transformación e a identidade. E a cor, porque, ao seu ver, xoga un papel fundamental en romarías como a do Corpìño ou o Nazareno nas que a explosión de cores imponse na imaxe que el recolle coa súa cámara, fronte á fotografía de corte antropolóxico coa que se documentou a tradición. 

Como se recibe esa imaxe do país fóra de Galiza? “Moi ben. Esas fotos que mostraban a identidade galega en transformación, atacada pola cultura globalizada expoñen o que acontece a nivel universal. As identidades, as culturas nacionais están sendo bombardeadas culturalmente, aplanadas, e estamos a ver que no centro de Nova York, Barcelona ou Vigo hai as mesmas tendas”, defende Lobato. Ao tempo, o fotógrafo defende que o que fai un produto cultural universal é “a calidade, é como facer un bo albariño que podemos exportar. Con esta posición podemos retratar a nosa realidade e á vez facer un produto que se pode mostrar universalmente”. Como exemplo, pon a película A Esmorga na que el colaborou que, ao seu ver, “é moi galega e é unha historia universal, un drama humano con esta parte sórdida, dura, que acontece en todo o mundo. A única maneira de facer cultura universal e global é ancorándose na identidade, como acontece coas grandes obras”. 

Comentarios