Os Minhotos en concerto na Fundación Manuel María

“Os Minhotos” xunto coas cantareiras “Zoelas” son os protagonistas do concerto que este sábado acollerá a Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Dun poema do autor tiran o seu nome e o do disco que están a presentar, “Pinga D´Auga”. 

Os Minhotos na Casa de Manuel María
photo_camera Os Minhotos na Casa de Manuel María

O quinteto musical “Os Minhotos” ofrecen este sábado 7 de marzo, a partir das 21 horas, unha actuación musical no auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, dentro do programa “Concertos na intimidade”. “Os Minhotos” estarán acompañados das oito mulleres do grupo “Zoelas”. Entregarase no acto un obxecto-recordo do concerto. 

“Os Minhotos” están a presentar o seu traballo discográfico “Pinga D´Auga” no que recollen doce temas, algúns de autor xunto con outros tradicionais. Alberto Castro, Bruno Villamor, Paula Fernández, Vitor Otero e Xaneco Tubío son os compoñentes desta agrupación que integra músicos que levan tempo traballando na difusión e ensino da música tradicional así como na construción de instrumentos. 

A agrupación bota precisamente man dun poema de Manuel María para tomar o seu nome e tamén o do disco que están a presentar. “Diante do pai Miño un queda/ abraiado. E sente, no máis fondo, / o inefable. Un non pode ser/ máis que miñoto. Pinga de auga”, di o poema.

Comentarios