A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'A miña vida agora'

 A III Guerra Mundial pilla por sorpresa a Daisy (Saoirse Ronan), unha moza que está de vacacións para visitar os seus primos. As súas prioridades van ter que cambiar radicalmente.

How-I-Live-Now-4-541x360

A traxectoria do director escocés Kevin MacDonald é ben variada. Uns inicios con bastante éxito no xénero documentario que o puxeron no panorama internacional con traballos coma Un día de setembro (Óscar ao Mellor Documentario en 1999) ou Tocando o baleiro (BAFTA ao Mellor Filme Británico en 2003). Posteriormente probou sorte no cinema convencional coa multipremiada O último rei de Escocia, e continuou con filmes de menos calado coma A sombra do poder e A lexión da aguia, alternando iso si, con documentarios, xénero onde parece sentirse máis cómodo.

En A miña vida agora presenta un filme romántico nun entorno post-apocalíptico. Daisy, unha moza estadounidense de 16 anos algo consentida e caprichosa, viaxa á campiña británica para pasar uns días cos seus primos. Síntese fora de sitio nun lugar estraño onde parece non encaixar e onde todo parece molestarlle. Empéñase en manter unha actitude distante e solitaria coma coiraza de autoprotección que se derruba cando estala a III Guerra Mundial.

No medio do conflito cambiará os seus valores, prioridades e atopará o verdadeiro amor ao tempo que vai atopando sentido á súa existencia. Namórase perdidamente do seu primo Eddie, pero a lei marcial, que suprime os dereitos civís, e a anarquía imperante no país, separará aos namorados que terán que loitar contra os elementos para se volver atopar. Encabezan o cartel Saorsie Ronan (O grande Hotel Budapest) e George MacKay (Amence en Edinburgo) no rol dos dous adolescentes que descobren o verdadeiro amor en tempos de guerra. Saorsie interpreta á rapaza con certos problemas de anorexia e MacKay pon o contrapunto masculino e iniciático ao que se agarra a moza coma cravo ardendo.

Unha historia de amor adolescente onde todo está sublimado polas circunstancias, e pola idade, con reminiscencias a Crepúsculo (ela deixa todo por el, por non dicir que tamén teñen un momento “chupa-sangue”), Os xogos da fame (persecucións mortais polo medio do bosque) e 28 días despois (os soldados parecen ser maior problema que o problema do que foxen). Na primeira parte do filme a fotografía de Franz Lustig, habitual de Wim Wenders (Terras de abundancia, Chamando ás portas do ceo) achega, grazas á cámara ao lombo, esa sensación de humanidade, naturalidade, bo rollo e natureza. Moita luminosidade e moito recurso de sol por detrás das personaxes (bastante recorrente ultimamente no cinema independente e portadas de discos indies). Na segunda parte, cores máis escuros e cámara máis estable, coa axuda dunha steady-cam, para dar maior sensación da rudeza e artificialidade que require o filme nese momento en que comeza o conflito.

Filme sobre problemas típicos da adolescencia, nun entorno hostil, aderezados cunha sucesión de música indie que é posible que quede guay... porén resta algo de profundidade ao conto. Adaptada da novela de Meg Rossoff, A miña vida agora comeza cunha estimulante premisa post-apocalíptica con moitas posibilidades pero vaise diluíndo ao pouco que se van destapando as (escasas) inquietudes das personaxes. Película para adolescentes inquietos e quen guste da estética indie.

Título orixinal: How I Live Now

Ano: 2013

Duración: 101 min.

Nacionalidade: Reino Unido

Director: Kevin Macdonald

Guión: Jeremy Brock, Tony Grisoni, Penelope Skinner e Jack Thorne

Fotografía: Franz Lustig

Música: Jon Hopkins

Elenco: Saoirse Ronan, George MacKay, Tom Holland, Anna Chancellor, Corey Johnson, Harley Bird, Amy Dawson

Comentarios