Tras tantas obras de ficción, acode á realidade neste relato. Ten moito biográfico?
Ten todo de biográfico, foron vivencias que eu tiven desde os meus comezos laborais.
Refírese a un álbum de memoria, en que lugar está a imaxinación e en cal a realidade no seu imaxinario?
A imaxinación é querer destacar a realidade daquela época, comparándoa coa actual, e os grandes cambios que se deron. Pasaron anos pero hai cousas que parecen da época dos dinosauros.
Antes era frecuente, como mestra que traballaba na Galiza, vivir na casa-escola e tamén recibir agasallos. Cre que se despersonalizou a ensinanza ou todo o contrario?
Naquel momento a figura da mestra era moi importante, solventando moitas carencias culturais. Había escolas illadas nas que se notaban máis as carencias e escolas nas que eran máis superficiais.
Os agasallos que facían non eran para mercar favores senón como agradecemento puro e duro. A mestra non tiña terreo para cultivar patacas, pero os pais si. Eles, aportaban o que sabían que esa mestra non tiña. Eran cousas materiais e o mestre aportaba cousas inmateriais, importantes tamén.
Nos relatos aparece con frecuencia pasaxes relacionados co mar, que influencia ten para vostede e para o relato?
O mar sempre formou parte da miña vida. Aínda que en Lires (Cee) e Nemiña (Muxía) pouca xente vivise do mar, está ancorado a el. Logo, no Ézaro, a escola estaba edificada dentro da praia. Ao principio non era capaz de durmir co mar e logo, cando ía a Lires, pasábame ao revés, faltábame o ruído do mar para conciliar o sono.
Tamén trata o galego na escola, como navegan este conflito as crianzas e como axudalos como docente?
A experiencia do galego na escola foi o que me serviu de proxectil de lanzamento para que me vise reflectida de pequena e mo tomase en serio.
Eu estiven estudando en Ferrol, unha cidade cosmopolita, onde había moitísimo militar de fóra. Todo o mundo era castelanfalante. Era inviábel falar galego. Cando volvía a Lires, o primeiro que facía era ser eu e era eu falando na miña lingua. Os meus amiguiños esperaban que chegase falando castelán.
Ao comezar a traballar volvín revivir o problema porque na escola de Dumbría, veu unha nai cun neno que non quería vir á escola e veu ver que facía, porque quería que aprendese a falar. Crin que se refería a algún problema que se podía solucionar con logopedia pero o neno sabe falar o que pa-sa é que fala coma nós e dixen pois hai que facer algo e me puxen a observar os rapaces e redactar contos dos que poñía exercicios partindo dunha lectura en galego.
A miña intención era que os nenos visen que os textos en galego tamén podían estar na escola e que as linguas eran todas iguais porque servían para entendernos. Un compañeiro meu díxome que podiamos aproveitar para potenciar a nosa lingua desde dentro da aula. Enviámolo a Edicións do Castro, e contestáronme que mo publicaban. Así naceu que eu comezase escribir.