CRÍTICA DE ARTE

A miña fiestra pintada por Karin Kneffel

A crítica Elena Pérez-Ardá achéganos á exposición "A fiestra e o espello" de Karin Kneffel que está aberta no Museo de Arte Contemporánea da Coruña. 

.
photo_camera .

MAC (Museo Arte Contemporánea) A Coruña
Karin Kneffel. “A fiestra e o espello” (Pintura)
Datas:  16 de outubro do 2014 - 8 de febreiro do 2015

De ter interese e ler a biografía da pintora alemá que está agora no Mac, tiraríamos varias conclusións: devoción, traballo e ilusión. Gustaríame salientar estes tres aspectos antes de nada xa que Kneffel é unha mestra da academia de Artes de Múnich. 

A devoción tena cara á arte, xa que chegou a ser artista, muller, e recoñecida. O traballo non hai máis que mirar para el en todos os sitios por onde paseou a súa obra. E a ilusión, que é o que persoalmente máis admiro é o ser profesora da Universidade e seguir en activo, ser unha artista contemporánea que expón, e ensinar dende a  súa práctica artística actual. Non hai mellor modo de formar os seus alumnos e de amosar que a ilusión é o factor máis importante.  Poucos o fan así. Será que ela, muller, está afeita a “conciliar”. 

"Ela precisa de nós, que observamos o cadro para entrar na escena. Igual cun filme precisa de nós para ser visto".

A obra que se propón no Mac da Coruña é unha retrospectiva en certo sentido, recollendo temáticas similares dos seus últimos anos até agora. A súa técnica é impecábel e non se pode negar que sabe facer.  As opinións que poden xurdir a favor ou en contra do hiperrealismo é algo que non quero redundar, mais apalpar os conceptos que van intrínsecos en todos os seus cadros.

Karin Kneffel emprega o espectador como ferramenta esencial no comprender a súa pintura. Ela precisa de nós, que observamos o cadro para entrar na escena. Igual cun filme precisa de nós para ser visto. Iso é exactamente co que xoga a pintora. O voyeur que agocha tras a fiestra o seu ollar, somos nós. 

Valéndose da cultura audiovisual maioritariamente de suspense consegue crear estas atmosferas cribles nas súas pinturas. Mais non é só a técnica. É o concepto.  Somos nós, que estamos detrás, semellando actores principais chamados á escena. 

Hai unha serie que fala da intervención directa no cadro dunha maneira básica; pintar co dedo. E como iso é demasiado “obvio”, Kneffel preséntanos fiestras con inscripcións ou debuxos. É un poema que ben poderiamos ter feito. Quen non estivo de pequeno ou xa de grande escrebendo na fiestra? Quen non ollou a chuvia escorregar polos vidros alguna vez?  A capacidade da artista é o de ver isto e saber representalo, dunha maneira e disposición que nos fai discorrer. 

As situacións onde estamos contemplando a vida acontecer convértense aquí en breves escenas dun filme  onde somos nós directores, actores e guionistas.  Péchase a cortina. 

Comentarios