mércores 19.02.2020
Entrevista a María Reimóndez, escritora

“Para min é moito máis relevante que me traduzan ao támil que ao inglés”

Escritora, activista e tradutora, María Reimóndez é imparábel, pura enerxía. Só no último mes gañou o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade con Fóra do normal; rompeu o teito dos dez mil exemplares con O club da calceta; e vén de publicar As cousas que non queremos oír, a seguinte entrega do Ciclo dos elementos. Camiñamos ao seu carón pola cidade de Vigo, onde conversamos sobre a obra gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz, sobre a vida do Club da calceta e a súa vixencia máis de dez anos despois, sobre activismo e sobre a necesidade de crear manadas feministas. Cal lobas.

[Imaxe: Belén Bouzas] María Reimóndez
[Imaxe: Belén Bouzas] María Reimóndez

Ves de gañar o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, con Fóra do normal. Cóntanos como te sentes.

Todos os premios teñen o seu carácter, neste caso é moi emocionante para min polo nome de Agustín, loxicamente. Amais de ser un referente na literatura tiven a sorte de coñecelo en persoa e compartir algúns espazos vitais como Vilalba e Vigo, e tamén por unha cuestión máis complexa relacionada coa definición do propio premio, porque para as persoas que escribimos desde unha visión da literatura como intervención, cunha idea clara da literatura como ferramenta de transformación social, moitas veces a nosa escrita está penalizada, vista dunha maneira moi pexorativa e prexuizosa. Entón, o feito de que haxa un premio no que te poidas presentar e onde sabes que todas esas cuestións xa están aí de base e que se vai valorar o texto literario sen entrar en prexuízos deste tipo para min ten un valor engadido moi importante. Ademais, está moi en liña co traballo de Agustín, que foi unha persoa que nunca refugou facer unha literatura moi lexíbel e creativa, e ao mesmo tempo nunca perdeu o norte do que tamén para min a literatura debe ser, unha ferramenta de transformación social.

Estruturada en catro capítulos, cada un deles homenaxea un superheroe da banda deseñada (Superman, Batman, A muller marabilla e Patrulla X). Como xurdiu?

Para min é un pouco a subversión do discurso dos superheroes, que é un espazo da cultura pop que me interesa bastante e desde sempre. O que fixen foi utilizar esta cuestión como fío condutor da novela, do protagonista que vai intentando comprenderse a si mesmo a través dunha ferramenta como son os cómics. Iso é algo que todas as persoas facemos, pero sobre todo na adolescencia, un momento no que estamos intentando buscar os nosos referentes. Ás veces temos esas relacións conflitivas co que traemos da infancia e co que é a vida adulta, e nese sentido funcionaban ben estes superheroes, Superman, Batman, A muller marabilla e Patrulla X.

"Esta novela explora máis a alteridade, non simplemente o feito da transexualidade"

E ademais méteste no mundo trans.

Si, pero creo que a novela parte máis da visión da alteridade. O protagonista, digamos o narrador, si que é un rapaz trans, pero tal e como eu a entendo, sen negar para nada a importancia de que haxa personaxes e referentes para todo tipo de identidades, creo que esta novela explora máis a alteridade, non simplemente o feito da transexualidade –que obviamente é central porque o personaxe principal é o que narra–. Si exploro esa idea de que realmente quen está nas marxes que se constrúen por parte do discurso hexemónico, en realidade, é normalmente quen ten máis cousas que contar e tamén quen necesita máis ferramentas para poder entenderse e, sobre todo, para crear lazos con outras persoas tan raras coma nós [risos]. A novela trata sobre todo iso, non trata tanto da transexualidade como temática, senón que busca un panel de catro personaxes onde cada cal ten a súa alteridade por cuestión diferentes. É importante a diversidade de voces.

Proximamente teremos nos andeis das nosas librarías As cousas que non queremos oír, un novo exemplar da entrega do Ciclo dos elementos. Fálanos do ciclo, serán un total de sete novelas independentes mais interconectadas. Cal é a relación entre as obras?

A verdade é que o Ciclo é un espazo de moita complexidade. A idea básica é a interacción entre as obras, que as personaxes secundarias dunha novela sexan as principais noutras. A cuestión é que é un proxecto literario bastante complexo, longo e ambicioso en certo sentido. Cada novela pode lerse independentemente, pero para aquelas persoas que as vaian lendo todas en realidade estase contando outra historia paralela á que só accedes unha vez que leas todas as novelas. Entón, é a historia da relación de varios personaxes e dentro diso permite ese xogo coas persoas que deciden ler o Ciclo completo para ir descubrindo esas cousas que eu vou sementando ás veces moi lixeiramente nunha novela e noutra.

Por outra banda, a novela O club da calceta rompe o teito dos dez mil exemplares vendidos e vai xa pola undécima edición. Que significado garda para ti?

É un libro que considero unha fortuna moi anómala. Creo que é algo moi excepcional que unha obra teña a vida que ten O club da calceta, tamén no seu día co teatro e co cinema. Vexo iso como algo que non se vai repetir na miña historia literaria, ou que sería moi difícil que se repetise. Penso que a fortuna dos libros son as persoas que os len, eu o único que fixen foi poñer un texto en circulación pública coa axuda de Xerais, e realmente é unha obra que funcionou de boca a boca e grazas ás mediadoras, ás lectoras… Nese sentido para min é bastante impresionante, dáme unha sensación de humildade moi grande pensar que contribuín a crear un espazo no que supoño que era un texto que resultaba necesario por algunha razón, e que conectou cun público lector moi amplo. Só podo dicir que me sinto afortunadísima.

"O feito de que unha novela estea protagonizada por mulleres xa provoca reaccións violentas moitas veces nos adolescentes, nos rapaces, nos homes"

Por outra parte, é un texto co que manteño unha relación un pouco problemática tamén porque foi unha obra que provocou e que aínda provoca moitas reaccións violentas, negativas, e esa parte tamén é importante lembrala. Eu agradezo que a obra se lea e se siga traballando con ela nos centros, pero para min chegou un punto no que me resulta difícil poñer o meu corpo diante do texto. Explícome, o feito de que unha novela estea protagonizada por mulleres xa provoca reaccións violentas moitas veces nos adolescentes, nos rapaces, nos homes… Trátase dun texto que foi lido moi prexuizosamente por parte da crítica no momento no que saíu porque era “unha historia de mulleres”, ese era o resumo. E despois súmanse unha serie de visións, por exemplo: era moi edulcorado porque as mulleres que transgriden teñen que ser castigadas, temos esas lecturas e ese texto non encaixaba aí; a sororidade entre as mulleres, como era un tema moi pouco transitado en seguida xa foi motivo de crítica. Para min é un texto que marcou cousas moi positivas porque me fixo tomar a escrita máis en serio e conectar con moitísimas persoas que o leron e que o seguen a ler, pero tamén ten esa outra parte de facerme máis consciente de até que punto certos discursos son discriminados dentro do sistema literario e que tipo de reaccións violentas provoca plasmar certas ideas no papel. Unha aprendizaxe para min positiva, de facerme consciente. Creo que é importante falar das dúas cousas, da positiva e da negativa, e creo que nos debería dar que pensar que dez anos máis tarde da publicación do libro siga estando tan vixente porque ao mellor non di algo moi bo da sociedade na que vivimos.

No tocante á Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), saíu do prelo a túa adaptación d’Os Tres Mosqueteiros por Baía Edicións. A LIX é aínda tratada como literatura menor?

A min paréceme surrealista que a estas alturas teñamos que falar destes temas. Igual que o que falabamos antes, hai un certo sector da crítica en Galiza, por chamarlle algo, que ou ben por carecer de ferramentas ou ben porque parte dunha visión prexuizosa das cousas, defende este tipo de visións ao igual que defende certas cuestións relacionadas co sexismo. A estas alturas da película considerar que a literatura infantoxuvenil é unha literatura menor o que demostra é unha falta de entendemento da literatura, e máis nun país onde que temos grandes escritores e escritoras dos que terían que aprender moitos dos que escriben desta literatura chamada para adultos. Eu sempre digo que a literatura infantoxuvenil é a que pode ler todo o mundo, ten un público máis amplo, e é unha literatura complexa que ten unhas dificultades específicas bastante importantes. Non chego a entender por que se podería considerar unha literatura menor, e que sigamos aínda escoitando críticos facendo este tipo de comentarios o único que me provoca persoalmente é aburrimento e irritación. A parte, a literatura infantoxuvenil é fundamental para crear lectoras e lectores e tamén para a conformación das persoas, do espazo literario, de referentes… E despois hai outra cousa que me preocupa tamén nestes comentarios que é o desprezo ás experiencias das persoas menores de idade, para min ten tanta importancia as experiencias dunha nena de seis ou catorce anos como as dunha persoa adulta. É un cúmulo de prexuízos que non chego a desentrañar.

"Quédanos moito que sachar"

Cal é para ti a situación do campo literario galego na actualidade?

Xa que falas de campo insisto no de sachar, quédanos moito que sachar. Por unha banda, vexo algunhas cousas positivas se o comparo con outros espazos literarios, si creo que estamos nun momento no que o discurso feminista ten unha capacidade de facer os seus regos, de ir traballando e crear espazos colectivos. Eu creo no colectivo, no que se fai para o común. Nese sentido si que creo que hai unha presenza mínima dun discurso que se vai asentando, temos precursoras, temos contemporáneas, e agora o interrogante é se temos as que veñen despois, e se somos capaces de crear eses espazos para que as violencias que padecemos moitas de nós non se perpetúen, para que as rapazas que escriben agora non teñan que pasar polo mesmo que teño que pasar eu agora, ou polo mesmo que tivo que pasar María Xosé Queizán ou Xohana Torres, xente de xeración anteriores.

Afirmabas nun artigo para Sermos Galiza que o feito de que se escolla a María Victoria Moreno chama por unha revisión urxente da historia da literatura galega, sobre todo unha revisión de quen fai a historia.

Creo que é un traballo moi longo, é dicir, estas cousas nunca saen por xeración espontánea, sempre responden a procesos moi longos e invisíbeis: está o xogo das cadeiras, o traballo d’A Sega, o traballo de investigadoras que moitas veces están fóra e invisibilizadas no espazo académico. E ao final como son certas persoas as que ocupan os espazos de poder tamén desde o mundo académico, seguimos reproducindo unha historiografía da literatura galega que sería moi diferente se empezásemos a ler as mulleres que escribiron, e hoxe teriamos unha imaxe da literatura moi distinta.

O feito de que se escolla María Victoria Moreno loxicamente é un paso moi importante pero temos que seguir sachando. Unha pinga non fai o océano e é importante que ese recoñecemento dea tamén visibilidade a todo o que está ao redor, que se dea visibilidade non só as catro voces de sempre, que nos permitan o que dis ti, facer unha análise diferente da historiografía, debater que voces entran no canon e que isto chegue á sociedade. Porque ao final é un proceso moi de sachar até que estas cousas vaian callado e entren nos libros de texto. Unha vez que a unha muller se lle dá o Día das Letras Gaelgas xa queda aí para sempre, non se pode borrar, e é fundamental, tamén para a recuperación das súas obras. As de María Victoria algunhas están vivas por fortuna e foi unha muller que viviu na nosa época, imaxinade as que están máis atrás. E sen ir máis lonxe, unha parte da obra de María Xosé Queizán está ilocalizábel, ou consultas en bibliotecas ou xa non as atopas máis. Estas cousas teñen que darnos un pouco que pensar.

Presentaches en Madurai, na India, o poemario A carraxe dunha pedra, que é a tradución ao támil, principalmente, de Presente continuo. A tradución é responsabilidade da poeta Thamizhachi e foi publicada pola editorial támil Uyirmai. Como foi esa experiencia?

Para min o támil é unha lingua moi próxima. Esa tradución é a materialización do meu pensamento político porque é realmente a manifestación da creación dun espazo feminista, crítico, a través dos afectos e a través dun traballo continuado no tempo. Esa tradución forma parte dun proceso máis amplo, un proceso que empeza con todo o traballo que fai Implicadas. Primeiro nós escoitamos o que elas teñen que dicir, facemos ese traballo de tradución desde o támil e cara ao galego, de estabelecer lazos entre as autoras támiles e as autoras en lingua galega. E digamos que como parte final e como ramificación dese proceso, e polo afecto tan grande que nos temos Thamizhachi e mais eu, saíu dela querer traducir e editar algúns poemas de Presente Contínuo. Para min foi unha experiencia moi interesante porque significou ver a recepción desde o outro lado, ver como se recibe o que ti escribes nun espazo cultural que para min é tan próximo e co que levo traballado tanto, do cal teño aprendido tantas cousas, e de repente compartir un anaco de ti. E ten que ver tamén co que dicía do meu pensamento político coa idea de crear espazos máis alá das linguas hexemónicas. Para min é moito máis relevante que me traduzan ao támil que que me traduzan ao inglés, por exemplo, porque en Tamil Nadu están as persoas que a min me importan, para min é máis importante comunicarme con elas e ver o que a miña escrita ou o meu traballo significa para elas. E non esas ideas abstractas que nos venden de que hai que falar castelán, inglés e non sei que linguas. As alianzas políticas precisamente non se constrúen así, constrúense destoutra maneira, entón para min foi moi emocionante.

"A historia de Haiti nace cunha presenza moi importante das mulleres que despois foron moi represaliadas durante a ditadura"

Ademais, nese proceso de crear lazos e alianzas, mediante Implicadas/os no desenvolvemento e A Sega organizastes uns encontros con Caridade Valcourt para falar sobre feminismos haitianos. Esta visita está organizada por Implicadas e pola Sega. Desde o punto de vista de Implicadas entra na idea de poñer en contacto movementos feministas e sobre todo que coñezamos o que están facendo activistas no sur, aínda que a nosa área de traballo máis habitual é Tamil Nadu, pois non quita de ter compañeiras de Etiopía etc. Nese sentido interésanos poder estabelecer eses intercambios con máis lugares. Na miña faceta profesional levo un tempo traballando como consultora en Haití e Caridade é unha das miñas compañeiras. Ela traballa desde os feminismos de base e ten unha formación de xénero e traballo comunitario moi extensa. Leva traballando varios anos coa metodoloxía de axuda mutua, que é a mesma que nós utilizamos en Tamil Nadu, pero en Haiti. Caridade é a coordinadora de todo ese programa no país onde hai agora mesmo máis de cinco mil mulleres xa organizadas en Grupos de Axuda Mútua. A historia do propio país, de Haiti, nace cunha presenza moi importante das mulleres que despois foron moi represaliadas durante a ditadura. Caridade está moi activa e veu un pouco a falar disto e ademais cun especial interese en conectar coas mulleres que traballan na política en Galiza.

“Para min é moito máis relevante que me traduzan ao támil que ao inglés”
comentarios