CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Mimosas, entre o cinema de autor e os ecos de David Lean

MIMOSAS

(Galiza, Marrocos, Francia, Qatar 2016, 96 min.) 

Dirección: Oliver Laxe

SINOPSE

A última vontade dun venerado sheikh é ser enterrado xunto aos seus antepasados nas remotas ruínas de Sijilmasa, máis aló dos escarpados cumios do Atlas marroquí. Dous buscavidas ofrecen os seus servizos para transportar o cadáver a pesar que todos dubidan das súas intencións.

CRÍTICA

mimosasMimosas supón o segundo traballo de Óliver Laxe tras Todos vós sodes capitáns que, xa coa perspectiva de ambas, semella ser un borrador do que agora pon en práctica. Ambienta tamén a historia no norte de África mais, desta volta, narra unha epopea espiritual iniciática que xira entorno ao traslado do corpo dun sheikh local coas últimas vontades de repousar xunto aos seus devanceiros na cidade bereber de Sijilmasa. O problema principal é que só contan cun par de mulas para cargar co cadáver (e víveres) a través da inmensísima cordilleira do Atlas en plena época de desxeo. Saïd e Ahmed, dous xoves que nunca fixeron nada útil na vida, ofrécense para realizar tan ardua labor. Dous homes e un destino convertido nun trío de reis coa chegada do bo de Shakib, un rapaz inexperto e algo zoupón mais coa vontade e afouteza dun león que ten encomendada a tarefa de vixiar a expedición e asegurar que chegue a destino. Toda unha odisea a través dun entorno hostil de pedras, vento e neve na que non só se terán que se enfrontar ás inclemencias do tempo, senón tamén a outros perigos que porán a proba a súa determinación e nivel de adaptación ás circunstancias. “Adaptación” é precisamente unha das palabras que definen Mimosas. Rodar en plena montaña coas duras inclemencias climáticas á que se viron expostos, sumado á falta de medios, o imprevisíbel de traballar con animais e contar cun reparto non profesional alleo, moitas veces, ás ordes do director, provocou que a historia tivera que adaptarse aos infortunios da rodaxe convertendo o guión nunha trama mutante que acabou derivando por camiños inesperados, a maioría celebrados, e facendo de Mimosas un filme vivo, auténtico. A dirección transita entre a estrutura clásica do xénero de aventuras e unha narrativa visual vangardista que procura novos camiños de linguaxe cinematográfica introducindo elementos algo inconexos que, da mesma forma que fai un elemento estraño ao bater na auga, propagan ondas de distorsión perceptiva e sensorial que afectan ao significado segundo o ollo observador que estea a mirar achegando así o conxunto á categoría de arte e ensaio...

Mimosas é cinema de autor mais tamén cinema universal que amosa mundos lonxanos moi reais, inda que semellen sacados dun conto. Unha road movie espiritual de aventuras con aroma a western que invita a crer de novo no ser humano. Un dos protagonistas destacados co que trata de acadar este propósito, e que xa saía en Todos vós sodes capitáns, é Shakib (Ben Omar), un tipo que destila unha mestura de autenticidade e inocencia innata que provoca a conexión instantánea co público. Non só cae simpático á primeira, senón que aporta unha dose impagábel de realismo ao conxunto. Aumenta este grao de realismo a exquisita calidade sonora acadada polo equipo encabezado por Emilio García Rivas, que tamén obtivo Mención Especial, xunto á montaxe, no Festival de Cinema Europeo de Sevilla a sumar ao flamante Premio da Semana da Crítica acadado en Cannes. Cumpre destacar tamén a fotografía de Mauro Herce (Arraianos, Dead Slow Ahead) basculando entre os espectaculares horizontes do Lawrence de Arabia de David Lean e a mística contemplativa de Abbas Kiarostami de A través dos olivos. Oliver Laxe bebe directamente da fonte confesa de xente como Tarkovsky, Ford ou Rossellini, de feito, se continúa desenrolando o seu talento nesa dirección, é probábel que chegue o día no que apareza nalgún listado de referencia ao carón dalgún destes deuses cinematográficos.

Comentarios