Galiza, país convidado no histórico Festival Intercéltico bretón

Milladoiro, Carlos Núñez e Mercedes Peón encabezan a delegación galega en Lorient

Máis de 300 artistas galegas viaxan xa á Bretaña para participar na 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient. É o Ano da Galiza, e a Consellaría de Cultura organizou unha expedición en que Milladoiro, Carlos Núñez, Xacarandaina ou Mercedes Peón contan entre os máis relevantes nomes. A cita comeza esta sexta feira, 2 de agosto, e decorre até o día 11.
colantes galice interceltique
photo_camera Colantes do Festival Intercéltico de Lorient, que dedica a súa 49ª edición á Galiza. Imaxe: cedida.

A Xunta presume de se tratar “dunha das delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos”, conformada por unha vintena de proxectos. Alén dos citados, tamén estarán en Lorient Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, que o comunicado oficial presenta como os “renovadores da música tradicional”. Ou Bouba, Habelas Hailas, a Banda das Crechas ou Talabarte. E haberá ademais “obradoiros, unha exposición [sobre o Camiño de Santiago] e accións de promoción turística”.

A música galega estará presente na programación oficial de Lorient e mais na carpa institucional do Goberno galego. Nela haberá 55 concertos de 15 intérpretes e agrupacións co “obxectivo de compartir co público o amplo abano de formatos, estilos e tendencias que, a partir da música tradicional, percorren sonoridades diversas”.

As previsións da organización do festival estiman en 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes as persoas asistentes. Polos seus escenarios pasarán máis de 4.500 artistas procedentes das nacións chamadas celtas: Bretaña, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man, Irlanda e Galiza.

Comentarios