A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Mil veces boas noites'

Rebecca (Juliette Binoche) é unha das mellores reporteiras de guerra do mundo. Tras un grave accidente en Kabul a súa familia dálle un ultimato: ou o seu traballo ou eles.

foto-juliette-binoche-en-mil-veces-buenas-noches--de-rebecca-975

Parece estar moi de moda ultimamente que os directores tiren das súas influencias laborais previas para realizaren as súas películas. Se nesta mesma sección a semana pasada tíñamos Begin Again, unha película sobre a música dirixida por un ex-músico, esta semana temos a un ex-fotógrafo de prensa, Erik Poppe que, con toques autobiográficos, dirixe unha película entorno a dramática historia persoal dunha fotógrafa de guerra que ten que decidir entre a súa familia e o seu traballo. Conta coa inestimable presenza de Juliette Binoche (O paciente inglés, Caché) que fai un traballo excelente na pel da fotógrafa de guerra.

Pero esta fotógrafa ten marido e dúas fillas. Tras un terrible accidente en Kabul, onde case perde a vida, regresa a casa onde vai ter que re-aprender a ser nai e esposa. No seu interior comeza unha loita entre conservar a súa familia e a ansia que latexa polas súas veas por retornar ás zonas de conflito para sentir esa adrenalina das balas que asubían preto da súa cabeza mentres saca fotos e que xusto é o que lle fai sentir viva. Terá que elixir porque semellan cousas incompatibles. A elección non será nada doada. No papel do sufrido marido temos ao dinamarqués Nicolaj Coster-Waldau (Jaime Lannister na serie Xogo de Tronos). Tamén destaca a curiosa aparición de Larry Mullen, o batería de U2, nun pequeno papel secundario no rol de amigo -e quizás algo máis- da protagonista. Unha personaxe que non aporta demasiado ao asunto, pero supoño que a participación irlandesa nesta coprodución europea tivo algo que ver na presenza de Mullen.

Pola súa banda Erik Poppe, como fotógrafo que é, acada un acabado visual excelente, coma non podería ser doutra forma, claro. Composición e encadre planificado ata o máis mínimo detalle, salpicado de elementos cheos de significado e simbolismo. Comeza cun sobrecolledor suceso en Kabul que vai ser o detonante da historia. A media que avanza o filme a historia vaise decantando máis polo drama familiar e a loita interna da fotógrafa entre exercer de nai ou de contadora das historias incómodas que molestan a un mundo occidental, máis preocupado por saberen se Paris Hilton leva roupa interior que de o que realmente está a pasar no terceiro mundo. O filme aguanta o pulso inicial pero decae un pouco a medida que avanza en cuanto a narrativa e conclusión das personaxes secundarias. Aínda así é unha boa película que se afasta do formato habitual para contarnos unha historia con mensaxe, boas interpretacións e unha máis que notable fotografía que obtivo o Premio Especial do Xurado en Montreal o ano pasado. Mil veces boas noites paga a pena pero está pasando algo desapercibida entre tanto blockbuster estival.

Título orixinal: Tusen ganger god natt

Ano: 2013

Duración: 117 min.

Coprodución: Noruega, Suecia e Irlanda

Director: Erik Poppe

Guión: Erik Poppe e Harald Rosenlow-Eeg

Fotografía: John Christian Rosenlund

Música: Armand Amar

Elenco: Juliette Binoche, Nicolaj Coster-Waldau, Maria Doyle Kennedy, Larry Mullen, Lauryn Canny, Chlöe Annett, Bush Moukarzel, Eve Macklin

Comentarios