xoves 06/08/20

As mil músicas de Magín Blanco

Un libro percorre catro décadas de carreira
Uxia e Magín Blanco.
Uxia e Magín Blanco.

Hai outros Magín Blanco que non levan chapeu e cantan, exitosamente, para cativas e cativos. Hai por caso o Magín Blanco que, desde A Rúa no inicio dos 80, compuxo cancións de despois do punk, eléctricas e tristes, en La Rosa. Hai o Magín Blanco que se ispe con discos ao seu nome de pop americano e coas voces de Uxía ou Gloria Van Aersen de Vainica Doble. Hai o Magín Blanco que en 2008 se xuntou con Burgas Beat para unha exquisita obra de guitarras coroada por unha versión en galego da célebre Anduriña de Juan & Junior. Todos eles e algúns outros comparecen en Magín Blanco. O camiño da luz (Embora Edicións, 2020), monografía redactada polo tamén músico e crítico ourensán Carlos Rego.

O volume é o segundo, logo de Guadi Galego. Pola beira da canción (2019), de Pepe Cunha, da colección que a editorial dedica a músicos galegos. "Desde Embora pensaron en min. Teño relación con Magín desde hai moito tempo. E direi non devoto, pero si que son moi fan de todo o que el fai", explica Rego a Nós Diario. E mesmo compartiron aventuras artísticas: o escritor era guitarrista en Burgas Beat e xuntos dedicaron un ano a unha de banda de versións, Os Cachorros. "Eu xa tiña moita información previa sobre Magín", sinala.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios