Mil estudantes participarán na II edición de Regueifesta

Esta xuntanza de improvisación oral en verso terá lugar esta sexta feira 12 de maio no Auditorio de Galiza da capital compostelá. O encontro, no que participarán centros de ensino de todo o país, comezará a partires das 10:30 da mañá.

foto regueifeiras

Nesta edición participarán 20 centros de ensino tanto de Compostela coma do resto de Galiza. Na xuntanza contarase tamén coa presenza de Alba María e Josinho da Teixeira e coa actuación de Lidia Botana, Bolboreta, madriña do evento. 

Máis de mil estudantes acudirán a este acto no que a Regueifesta presentará unha nova fornada de regueifeiros como Xairo Herbón, Esther das Luras, Noa de Capón ou Xandro de Baio. No encontro terá lugar ademais a entrega de premios do “I Certame Enreguéifate”, impulsado polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago, que busca dar a coñecer o panorama da improvisación galega entre a xente nova.

Alí estará a nova fornada de regueifeiros como Xairo Herbón, Esther das Luras, Noa de Capón ou Xandro de Baio

O Proxecto Regueifesta ten como obxectivo impulsar a improvisación oral en verso no ámbito educativo. A través da lingua, da  música e de valores de xustiza social pero sen perder a dimensión lúdica da regueifa, este proxecto impulsar unha transformación, vinculando a escola co movemento e activismo social. 

Esta iniciativa foi impulsada nun primeiro momento polos institutos de Baio e As Cruces. Porén, nesta segunda edición contarase cunha vintena de centros galegos ademais do IES Arratia, do País Vasco, que participará no segundo intercambio educativo Regueibertso de improvisación oral. 

Pola tarde a Regueifesta continuará a celebración no Centro Xove da Almáciga co I Festival “Boina e Txapela” a partir das 19:00h. Nesta festa musical de 'freestyle', rap e rock contarase coa participación de Garcia MC e DJ Mil, entre outros. Para rematar, haberá un tempo de micro aberto para quen queira participar.
 

Comentarios