Miguelanxo Prado e Fausto Isorna regresan ao libro infantil

Miguelanxo Prado con  O dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba e Fausto Isorna con Animal Fun!, regresan á ilustración infantil con estes dous novos títulos de El Patito Editorial, un lanzamento de cara ao Día Internacional do Libro Infantil. 

Capa de Fausto
photo_camera Capa de Fausto

O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba é unha das poucas ocasións nas que Miguelanxo Prado se achega ao libro infantil, desta volta, ilustrando un conto que narra David Aceituno sobre un dragón alérxico. Miguelanxo Prado recolle na súa páxina web o proceso de creación dunha das ilustracións do libro, dos poucos dedicados a público infantil malia ser el o autor dun dos personaxes máis coñecidas do público galego de menor idade, o Xabarín. 

Pola súa banda, Fausto Isorna ilustra o libro Animal Fun!, unha obra poética de Pepe Sendón que se publica en galego e inglés. Trátase dun libro para primeir@s lecturas con ilustracións de animais que ese poden reproducir con cartolinas de maneira sinxela. A idea é que as crianzas aprendan palabras e xoguen cos animais retratados de maneira rimada. O libro naceu dun primeiro experimento de Isorna co seu fillo de cinco anos que se apaixonou da primeira lámina que ideou. Despois foron nacendo as outras até que o debuxante decidiu pedirlle a Pepe Sendón “que as ilustrara ao contrario: facéndolle textos”. Para Animal Fun!, Isorna traballou co catálogo de cartolinas da papelería coa técnica do collage. Os autores farán un obradoiro con crianzas na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña o 2 de abril e os libros serán presentados na libraría Cronopios de Santiago o día 4 ás 19.30 horas. 

Comentarios