‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’

Miguel Vidal: “Até non hai moito tempo non se prestaba suficiente atención ao urbanismo dos castros"

O arqueólogo Miguel Vidal Lojo achéganos ao Castro da Cidá, en Ribeira, nunha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’

Vidal Lojo Cabo corrubedo
photo_camera Miguel Vidal Lojo (Foto: Cabo Corrubedo)

Indica no seu traballo que o Castro da Cidá non chega a funcionar xa na fase da romanización. A que cres que se podería deber que un castro tan ben situado -nas coordenadas de hoxe en día, cunha grande visibilidade da costa- non continuara habitado ou adaptado aos intereses de Roma?

En realidade non é estraño que castros de épocas anteriores á chegada de Roma se abandonen ou deixen de habitarse, sen que esta teña influencia no proceso. Hai moitos exemplos no noroeste. As razóns poden ser múltiples e en realidade amosan a grande variabilidade que presenta esta “cultura”. Non hai unha explicación única que sirva para todos os casos nos que isto sucede.

Na Cidá a razón quizás haxa que buscala na propia evolución interna do castro e dos seus poboadores, e a dinámicas de subsistencia no contexto local ou supralocal. O proceso de abandono de castros da primeira Idade do Ferro ocupando os cumios de montes, priorizando máis o control ou defensa que por exemplo a accesibilidade a terras de cultivo, é un proceso aceptado e descrito no noroeste.

Fai tamén referencia á disposición das cabanas na croa do castro, seguindo a delineación da muralla. Non é logo habitual esta disposición? Pode ter algún significado especial?

Até non hai moito tempo non se prestaba suficiente atención ao urbanismo destes asentamentos, sobre todo nos castros de cronoloxía antiga como a que se propón para A Cidá. Falar de urbanismo practicamente estaba reservado para lugares plenamente romanizados onde o concepto se asociaba a unha idea hipodámica dos espazos. Na Cidá as cabanas non se levantan de forma aleatoria, obsérvase unha planificación, organización e ordenación. De aí, entre outras cousas e a modo de exemplo, esta disposición das cabanas seguindo a delineación da muralla, que amosa unha orde e organización dos espazos obedecendo a dinámicas internas propias desta sociedade.

Cales son para vostedes os eixos nos que se ten que asentar as liñas de traballo da arqueoloxía galega en relación ao mundo dos castros?

Desgraciadamente o panorama da arqueoloxía en Galiza duns anos a esta parte non está no seu mellor momento, non soamente en relación ó mundo castrexo. En xeral, a intensidade da investigación que se facía dende as universidades, grupos de investigación, museos etc, salvo excepcións, decreceu ou desapareceu.

Os Museos na práctica teñen cortada a súa capacidade de manobra. Xa non falemos dos museos locais. Non se financian como se debera equipos, nin dentro das Universidades nin fóra delas. A formación para novos arqueólogos non é a mellor, obrigando a acumular, tras a formación regulada, diferentes mestrados ou cursos especializados.

Non existen liñas de traballo definidas dende as institucións que teñen capacidade decisoria sobre o patrimonio cultural. Si que hai iniciativas atomizadas, en ocasións comarcais ou locais, vinculadas coa escavación dun castro para que a localidade de turno teña uns restos pétreos visíbeis para un uso turístico pero en realidade baleiro de contido, sen investigación, divulgación e sen políticas de conservación e mantemento, e moito menos políticas de actuación conxuntas ou agrupadas con planificación a nivel comarcal e con obxectivos claros para xerar novo coñecemento.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios