Contracultura

Miguel Vázquez Freire: "A 'Historia Compostelana' recoñece que o das reliquias foi un roubo, aínda que pío"

Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951) é coñecido pola súa vinculación coa literatura infantil e xuvenil. A súa obra 'Proxecto pomba dourada' (Vía Láctea, 1987) é unha das máis emblemáticas do xénero nos anos 80, ao que dedicou moitas outras e aínda traballos como a crítica, a edición ou a tradución, alén de dirixir proxectos como a revista 'Golfiño'. Porén, esta dedicación non chega para resumir unha carreira na que ademais aparece a poesía, as novelas para adultos e tamén ensaios dos máis variados temas. Este ano sorprendíanos co libro 'De Compostela a Braga e de Braga a Compostela. O Pío Latrocinio e outras vellas inimizades' (Positivas, 2022).
O escritor de Corcubión Manuel Vázquez. (Foto: Arxina)
photo_camera O escritor de Corcubión Miguel Vázquez. (Foto: Arxina)

—Por que decide abordar este tema?
Pois un día chamoume Paco Macías de Positivas e dime que quere que faga un libro sobre isto porque son o que máis sabe sobre o Pío Latrocinio. Naturalmente contesto que non é certo e que de onde sacou esa idea e cóntame que a un alumno meu do Instituto Alexandre Bóveda se lle quedara gravada unha clase na que expliquei este episodio e que eu non só o sabía todo, senón que o explicaba moi ben. É certo que levo anos obsesionado coa Historia Compostelana e tamén coa idea de que se coñeza mellor, así que pensei que podía facer algo nese ton. Non é un libro estritamente histórico, senón máis ben unha reflexión sobre o período de Xelmírez, onde pasaron algunhas cousas que sempre me chamaron a atención: a formación de Portugal e que na historia lusa os galegos sexamos moitas veces os malvados, por exemplo.

—Que é realmente o Pío Latrocinio?
Ao pouco de chegar ao cargo de bispo, Xelmírez vai a Braga e rouba unha serie de reliquias. Ese roubo aparece na Historia Compostelana (mandada escribir polo propio Xelmírez) con ese nome: recoñécese que é un roubo pero arguméntase que é pío e xustificado. Danse razóns que se contradín na propia obra: como que as reliquias estaban maltratadas e ciscadas no chan para afirmar despois que estaban gardadas nunha rica arca.

Cal é a orixe do roubo? A loita entre Braga e Compostela por converterse na Igrexa metropolitana de referencia na zona, nun momento no que Compostela vai gañando en poderío económico. Xelmírez tamén argumenta que, ao ter o sepulcro do Apóstolo, é a única sé apostólica ademais de Roma. No fondo non é máis que unha loita de poder que ten tamén outras consecuencias curiosas: durante un tempo de Braga dependeron todos os bispados galegos menos Compostela e de Compostela dependía o de Lisboa. Para afianzar o poder, Xelmírez reclamara a sé de Mérida, que estaba baixo dominio musulmán, e dela dependía Lisboa.

A hostilidade foise atenuando co tempo, aínda que é notorio que a devolución das reliquias demorase nove séculos

—Esa rivalidade ten consecuencias até hoxe?
Pódese atopar algún rastro: para os historiadores tradicionais portugueses Fernando Pérez de Traba é o gran vilán por ser o amante de Tareixa e desprazar os nobres miñotos fronte aos galegos.

Colocan iso como unha oposición entre o patriotismo portugués e un imperialismo galego que, como galegos, nos sorprende xa como concepto. Porén, é certo que a hostilidade foise atenuando co tempo, aínda que é notorio que a devolución das reliquias demorase nove séculos. É Quiroga Palacios, a mediados do século XX, quen devolve o corpo de San Fructuoso, que era o patrón de Braga. E os outros tres santos roubados: Santa Susana, San Silvestre e San Cucufate aínda agardaron á década dos noventa. Porén, a inimizade é absurda e risíbel a día de hoxe.

—Como podemos ver a figura de Xelmírez desde os nosos días?
Na historia aparece como un home sen escrúpulos, pero non creo que o fose máis que calquera figura de poder da súa época. Como personaxe é incómodo para o españolismo e tamén para o galeguismo, e o certo é que ten momentos de alianzas a favor e en contra de Portugal. Non queda moi claro que poidamos interpretar o que pretendía por claves do presente, como as nacionais. Por outra parte, o seu poder atinxe ao eclesiástico e nese sentido consegue moitos logros para Compostela, como que sexa considerada un dos tres núcleos da cristiandade. Había outro proxecto de futuro para el ademais deste? É difícil dicilo.

Comentarios