Miguel Sande: "A vida sería dalgunha maneira un pouco mellor se a ollásemos co filtro da poesía"

Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johán Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu. O seu poemario, Brinde e desespero, salientou de entre cincuenta e sete obras presentadas nesta edición. Este poemario continúa, segundo el mesmo confesa, coa liña estilística e temática iniciada con Os filósofos xa non brindan con cicuta (Afundación, 2019). Este novelista e poeta conversa con Nós Diario sobre a obra galardoada e a súa profesión de xornalista.
O escritor e xornalista Miguel Sande aproveita a experiencia cotiá na súa obra (Foto: Distrito Xermar).
photo_camera O escritor e xornalista Miguel Sande aproveita a experiencia cotiá na súa obra (Foto: Distrito Xermar).

Esta XXV edición do Premio Johán Carballeira recibiu 57 obras, entre elas a súa. Cal foi a razón que o levou a presentarse?

A verdade é que quedei sorprendido de que se presentaran tantos poemarios! Lembro que hai dous anos gañara o Premio Afundación e eran 34 os poemarios presentados, e iso que o premio tiña unha dotación económica moito maior. Esta circunstancia di moito deste outro galardón, que ten un premio en metálico menor pero máis participantes. Eu mesmo decidín presentarme en primeiro lugar por tratarse da edición 25, o que implica que ten unha gran traxectoria e tamén un prestixio.

E despois, polas autoras e polos autores que o gañaron antes. Por último, por saber que sería editado con posterioridade por Xerais. 

Como definiría a súa obra Brinde e desespero? O xurado do Johán Carballeira sinalou que se trata de "prosa poética sobre o cotián".

Eu diría que é unha mirada que quere ser diferente sobre o día a día, sobre as cousas cotiás. Os detalles máis simples e, quizais, os menos importantes mais que ao cabo son os máis relevantes para cada un de nós. Son os mesmos que nos dan un pouco de ánimo e forza para seguir tirando cara ao día seguinte. Tamén penso que é unha mirada que quere ser diferente sobre o que nos acontece en cada xornada. 

Eu, por exemplo, agora mesmo estou nunha mesa mentres contesto esta entrevista e teño diante miña unha cunca con forma de barca. Ese obxecto, segundo onde estea, véxoo de diferente maneira. Coa verdade ocorre o mesmo. Se temos a verdade diante da mesa, segundo onde esteas situada, podes chegar a vela de diferente maneira. Neste caso é ver a cotidianidade doutra maneira. Pararse un pouco a ver as cousas de diferente forma. 

Este poemario segue a liña que comecei en Os filósofos xa non brindan con cicuta,  co que gañara o Premio Afundación en 2019, mais indo un paso máis adiante: Brinde e desespero ten un carácter máis social co día a día. Busquei nel reflexionar para dar unha nova visión ao que me arrodea.

Non me gusta a definición de prosa poética, aínda que sei que o xurado definiu a obra desa maneira. A poesía, se é poesía, ten música propia. Polo feito de que vaian as liñas continuadas non deixan de ter esa música. Se partise as liñas xa non se diría prosa poética.

No cotián que aparece neste poemario galardoado tamén entra a súa profesión como xornalista? 

O xornalismo vale para todo. Se miramos a vida co filtro da poesía, dalgunha maneira creo que a vida sería un pouco mellor. O xornalismo, como é ao que me dedico cada día, inflúe moito na miña literatura, sobre todo na narrativa. Tamén na poesía, onde ese pouso diario que non sae no xornalismo, mais deixa a experiencia cotián, entra.

Por exemplo, para a semana sairá unha novela miña que foi finalista do Premio Xerais, O negociador. Nela hai ese pouso do que falamos relacionado co xornalismo sobre un feito histórico que ten que ver con ETA e moi difundido polos xornais. Esa obra ten un pouso literario que non interesa nos medios, porén ten moita importancia. 

O xornalismo e a nosa experiencia pódense aproveitar para a literatura. As persoas que traballamos no xornalismo temos a vantaxe de que estamos en moitas historias cada día e estas deixan experiencias que ao final  aproveitas.

 Podería dar infinidade de exemplos que aproveitei para novelas anteriores. Nese sentido, o xornalismo é unha vantaxe. Logo, por outra parte, tamén se aproveita a experiencia no xornalismo para enriquecer a narrativa e estou seguro que, dalgunha maneira, a visión poética enriquecería o xornalismo. Falta lle fai. 

Comentarios