Os filósofos xa non brindan con cicuta

Miguel Sande gaña o Premio de Poesía Afundación

Os filósofos xa non brindan con cicuta é o poemario co que o xornalista e escritor Miguel Sande gañou o Premio de Poesía Afundación, de entre 30 obras inéditas apresentadas.

Miguel Sande. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Sande resultou gañador do premio [Imaxe: @afundacion]

O xurado da XVII edición do Premio de Poesía Afundación nomeou como gañador o xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, co seu poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta. O Premio de Poesía Afundación, convocado por esta entidade xunto co Centro PEN de Galicia, contou con 30 obras inéditas apresentadas a concurso.

O xurado puxo en valor o feito da obra estar “escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, mais tamén transgresora"

A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela, o escritor Xabier Castro Martínez e o presidente do Centro PEN Luís González Tosar; tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela da cuarta feira 17 de xullo.

O xurado puxo en valor o feito da obra estar “escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, mais tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas”. Ademais, o propio xurado tamén resaltou que a expresión poética está plenamente lograda “nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética”.

O xurado destacou como o autor “constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecábel, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado”

As persoas compoñentes do xurado destacaron así mesmo como o autor “constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecábel, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado”.

Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta, participaron do acto de entrega de premios e parabenizaron Sande por gañar o premio de poesía e pola súa calidade.

Ao gañar o premio, o poemario será publicado na colección Arte de trobar. Ademais este galardón nado en 2002 está dotado con 6.000 euros e, durante estes anos, foi entregado ás e aos poetas Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.

Ao gañar o premio, o poemario será publicado na colección Arte de trobar

Miguel Sande

O gañador desta edición, Miguel Sande, naceu en Arteixo en 1961 e actualmente reside en Viveiro. É poeta, dramaturgo, novelista e xornalista.

Co seu primeiro libro, Á alba pide comigo vivir, publicado en 1984, foi finalista do Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca. En 1998, publicou o seu segundo libro de teatro, Ninguén chorou por nós, tamén premiado, nesta ocasión co Rafael Dieste. Pola obra A enterradora gaña o premio Nova Dramaturxia Galega. Como poeta publicou, entre outros, A palabra soterrada (1985) ou Furtivos. A súa novela Se algún día esta muller morta, gañou en 2006 o I Premio Narrativa Breve Repsol e en 2016 conseguiu o Premio García Barros pola novela A candidata. É autor, así mesmo, da novela A vida fóra.

Comentarios