Crítica de cinema

Coco

Miguel quere ser músico pese á prohibición da súa familia. Pero a súa familia ten varias xeracións e os mortos non opinan o mesmo.

coco2
photo_camera coco2

Os máis pequenos da casa non teñen escola así que as carteleiras aproveitan a ocasión para encher a billeteira cunha ampla oferta de filmes de debuxos animados. A maior produtora de debuxos do mundo, Disney/Pixar, que de parvos non teñen nada, adoitan reservar a súa artillería pesada para estas datas tan sinaladas.

Presentan Coco, unha cinta ambientada en México que segue os pasos de Miguel Rivera, un rapaz obsesionado con tocar a guitarra coma o seu ídolo Ernesto de la Cruz, un sosias de Jorge Negrete. O problema é que a familia de Miguel ten prohibida a música desde hai varias xeracións así que terá que conformarse con ser zapateiro, coma todos os membros desde que a súa tataravoa Imelda fundara a empresa Calzados Rivera. É tradición en México que todas as familias se reúnan cos seus antepasados no tradicional “Día de Muertos”, unha festa chea de cor, flores e ofrendas. Miguel entra por error na dimensión da Terra dos Mortos, onde descubrirá o segredo que levou a prohibir a música na súa familia.

Coco é unha preciosa oda á familia aderezada cunha animación alucinante (a escena da auga é brutal), música ad-hoc (nomeada a Mellor Canción nos Globos de Ouro e, previsibelmente aos Oscar tamén) e menos tópicos latinos dos que se podía agardar, aínda que habelos, hainos... Por momentos unha comedia disparatada (atención aos cameos osudos de persoeiros mexicanos), noutros un musical e noutros un melodrama que ameaza con superar o récord de bágoas de Un monstro vénme ver (2016, J.A. Bayona). Teñan un pano ben a man porque o van necesitar...

Conta tamén cun interesante apunte arredor da emigración: os mortos mexicanos teñen que cruzar un muro para poder ver a súa familia viva mexicana. Píllase o símil, non si? Unha interesante alegoría entre o muro que separa os vivos dos mortos, e o muro que separa México dos Estados Unidos de Trump. Loxicamente a cousa queda bastante na superficie, e mesmo se pode dicir que está bastante edulcorada, mais aí está... Tendo en conta que provén dunha multinacional como a Disney a cousa ten ata vimbios de audacia.

En México foi un éxito sen precedentes mais tamén o está sendo en todo mundo, conquistando de paso a toda a crítica especializada, pois conta con ingredientes máis que suficientes como para chegar a todo tipo de público con independencia da procedencia ou idade. Como curiosidade a cantidade de paralelismos culturais, concretamente na praza do pobo: se en troques de guitarras poñemos gaitas e pendeiretas estaríamos perfectamente no entorno dun serán.

Coco é apta tanto para crianzas como para persoas maiores, sen restricións. Perfecta medición dos tempos, ben estruturada, hai intriga, non aburre, está chea de fantasía desbordante e a maioría de gags funcionan. Os xiros vense vir un pouco mais tampouco é un impedimento para a trama pois o que conta ao final son as sensacións que deixa e hai que recoñecer que Coco emociona, e moito...

O único malo, ou perverso mellor dito, que se pode dicir de Coco non é sobre o propio filme, senón do que está xusto detrás: un xigante empresarial insaciábel da talla de Disney que, neste caso, obrigou a retrasar a estrea da coprodución mexicano-portuguesa-galega titulada Día de Muertos, pois a semellanza temática entre ambos filmes era evidente e, de seguir as datas previstas, ambas coincidirían en carteleira. De novo a sempiterna loita entre David contra Goliath... mais desta volta o intelixente non era loitar, senón retirarse ata atopar unha mellor momento para a estrea. En fin, aínda non hai data sinalada para Dia de Muertos mais de seguro deixarán pasar o rebumbio da entrega dos premios Oscar de Hollywood, onde se intúe que Coco acadará algunha que outra estatuíña dourada.

Coco

(EUA 2017, 105 min.)

Dirección: Lee Unkrich e Adrián Molina

Guión: Adrián Molina e Matthew Aldrich

Música: Michael Giacchino

Comentarios