Caderno de Verán

Miguel de Lira: "Cuñados tamén terá cargas de profundidade"

Comeza a rodar o 17 de agosto unha longametraxe producida por Portocabo, 'Cuñados', onde comparte protagonismo con Xosé Touriñán e Federico Pérez. Ademais deste proxecto, Miguel de Lira continúa co seu grupo, Chévere, e retoman a xira da última produción, 'Curva España', coa que neste mes de agosto actuarán en Soria, Valladolid e Cariño.
CHÉVERE_05
photo_camera Miguel de Lira nunha escena de 'Curva España'.

—O próximo día 17 comeza a rodaxe de 'Cuñados', de Portocabo. Ata entón está a gozar de vacacións?
Agora estou en Lira pero máis que de vacacións estou de post-confinamento porque de vacacións estaría se traballara pero levo unha tranca de meses sen traballar. Este ano o concepto de vacacións está bastante trastocado. Así que estou de post-confinamento e de pre-produción.

—Preprodución de 'Cuñados'. Fálenos dese proxecto.
Estamos a darlle voltas á penúltima versión do guión, esta semana arrancamos os ensaios na zona na que vai ser a rodaxe, no Ribeiro. 'Cuñados' é unha película bastante vencellada coa provincia de Ourense.


—Como chega este proxecto ás súas mans?
O embrión de 'Cuñados' vén de tempo atrás, case de 'Fenómenos' onde coincidíramos xa Touriñán, Federico Pérez e eu. Logo a xente de Portocabo tamén tiña interese en traballar con nós e pouco a pouco desenvolvemos este proxecto que estivo sempre bailando entre en serie e película, anque fnalmente se decantou por película.

—Pódenos adiantar algo do argumento deste filme?
Somos cuñados por estarmos casados cunhas irmás que son as fillas da familia Ribeiro, María Vázquez, Iolanda Muíños e Eva Fernández. Ten moito que ver cunha adega familiar. 

—En chave de humor?
Si. Vai ser unha peli de humor pero está aínda por definirse completamente o ton que lle damos e tamén terá algunha carga de profundidade por aquí e por alá e... ata aquí podo ler.

—Como van afectar os protocolos sanitarios na produción?
Pois por exemplo, hoxe hai ensaios na zona na que se vai rodar e xa pola mañá teño que facer o test PCR. Agora parte do traballo leva implícitos este tipo de protocolos do 'bicho'.

—Ademais desta película, que outros proxectos ten?
Arrancamos tamén a actividade con Chévere. O outro día en Bertamiráns (Ames) fixemos 'Escapárate', unhas propostas escénicas en escaparates, e tamén retomamos 'Curva España'. Con esta obra retomamos a xira e o día 11 actuaremos  en Soria, o 12 en Valladolid e o 17 en Cariño.

Este relato publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

Comentarios