Miguel Cavadas, María Caíña e Paula Marina García fanse cos premios literarios da USC

A quinta edición do Concurso literario Mazarelos xa ten gañadoras. 
Facultade007
photo_camera Facultade007

Nai, un poema de Miguel Cavadas Docampo, que achega “unha ollada descarada e subversiva cara tanto a maternidade como a identidade de xénero”, alcanzou o primeiro premio do V Concurso literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá. 

As gañadoras do segundo e terceiro premio foron María Caíña Hurtado e Paula Marina García Pardavila. María Caíña foi distinguida cun segundo premio por Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, composición da que o xurado destacou a súa “orixinalidade, sobre todo formal, así como a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético”. 

Formas de determinación é o título do poema de García Pardavila, do que o xurado salienta “a súa ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras, alén de fiar un discurso co combina o cotián co filosófico”.

O xurado do V Premio Mazarelos da USC foi composto polas escritoras Inma López Silva e Estíbaliz Espinosa Río, as profesoras María Teresa Amado Rodríguez e Ramón Mariño Paz mais a gañadora da pasada edición, Arancha Rodríguez Fernández. Os premios do certame están dotados con 700, 400 e 200 euros e un diploma honorífico e na presente edición concorreron un total de trinta e seis obras. 

A USC, a través do Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, promove este premio coa intención de “fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua”. O Concurso literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza. 

Comentarios