Miguel Anxo Seixas presenta a biografía "máis completa" de Castelao

Castelao nun acto galeguista en Bos Aires. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Castelao nun acto galeguista en Bos Aires. (Foto: Nós Diario)

O historiador Miguel Anxo Seixas presentará esta tarde ás 19 horas no Museo do Pobo Galego a segunda e a terceira parte da biografía de Castelo que o historiador elaborou, e que define como "a máis completa" da vida dun dos pais do nacionalismo galego.

A obra, co editada pola Editorial Galaxia e polo Consorcio de Santiago, recompila todo o material que até o de agora estaba en mans privadas, que era "descoñecido" ou "ignorado". A biografía amósase "a xeito de diario da súa vida cotiá".

O texto suma un total de 3.919 páxinas, repartidas en tres tomos, e relata a vida “do meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.

O autor da obra explica que Castelao viviu como “un dos construtores da nación, unha testemuña privilexiada e un actor”. “Achegounos o pobo en imaxes e en letras; os seus debuxos son o maior repertorio gráfico para ilustrar a nosa historia contemporánea. Foi protagonista político para que a Galiza conseguise o Estatuto de Autonomía. E co tempo foi escollido polo pobo como un dos símbolos de Galiza”, engade Seixas.

No primeiro volume, que vai de 1886 a 1930, recolletodas as vivencias persoais que o marcaron na primeira metade da súa vida. O segundo volume (1931-1939) céntrase nos anos da Segunda República e a Guerra Civil, "debullando a súa intensa vida política á fronte do Partido Galeguista". O terceiro tomo relata a súa historia desde 1940, o seu exilio en Arxentina, o seu labor político e cultural, o remate de Sempre en Galiza… ata o seu falecemento en 1950

Proceso de investigación

Seixas explica que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica. Desta obra existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita, de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami.

Durante tda a súa vida como historiador, o autor entrevistou a persoas que coñeceron a Castelao ou a súa obra, como Lois Tobío, Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Perfecto López Romero, Iris Canabal, Nelly Crestar…

O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida”, indica.

Comentarios