CONTA ATRÁS PARA O 8F

Migallas “rapeará” pola lingua o 8F na Quintana

O “Rap da Lingua” ten case vinte anos mais continúa igual de actual. O grupo Migallas fará rapear a praza da Quintana pola lingua o vindeiro 8F co seu coñecido tema. Incluímos un vídeo para ir coa letra aprendida. 

Migallas
photo_camera Migallas

“O Rap da Lingua diríxese ás crianzas mais tamén a pais e nais para que falen galego que “é unha cousa natural”, di a letra. Aínda hoxe continúa sen selo”, comeza Carlos Yus, o cincuenta por cento da compañía Migallas que fixo profesional no 1996 xunto a María Campos. Daquel entón é o disco “Canta connosco!” no que se inclúe o “Rap da lingua” que se sentirá o vindeiro 8F na Praza da Quintana, no remate da manifestación de Queremos Galego. 

Sobre a transmisión xeracional, eixo da normalización, xira esta canción que a compañía escolleu para animar a grandes e pequen@s a falar na nosa lingua. “Hai alusións a pais e nais que falan en galego entre si mais se dirixen aos fillos e fillas en castelán, a rapaces que van ao instituto e mudan de lingua e aos que teñen medo de ter erros e non se animan a falar en galego. A todos eles convídase con entusiasmo a empregar con normalidade a nosa lingua”, explica Carlos Yus. 

"O Rap da Lingua convida con entusiasmo a empregar o galego con normalidade"

Desde que en 1996 crearon a compañía, desde Migallas comproban como a situación vai a peor canto ao uso da nosa lingua entre as novas xeracións. Como exemplo empregan os obradoiros de expresión dramática, plástica e musical que desde hai 16 anos imparte María Campos en Pontevedra. “Este ano son 160 rapaces e rapazas e só uns 5 falan galego de maneira natural. En cambio, cando comezamos a facer teatro na nosa lingua lánzanse enseguida”, explican. Carlos Yus vive nun barrio de 8.000 persoas e cando atopa algunha crianza falando galego di que case se anima a parabenizar o pai ou a nai. 

Xa non só nas cidades

“Cando Migallas comezou aínda había nenos falando galego e agora vemos que xa non é só nas cidades onde falan castelán, senón tamén en vilas e aldeas. A presenza da nosa lingua foi moito a peor. Antes tiñamos un sketch na que os pais falaban galego entre eles e dirixíanse ao fillo en castelán. Agora xa entre eles falan castelán”, apunta Yus que leva unha alegría cando chega a un lugar, como a pasada fin de semana en Vimianzo, e atopa un público infantil galego-falante. “De todas maneiras, os prexuízos seguen vivos e o galego segue a ser de aldea, de vellos ou de nacionalistas”, afirma. 

No manifesto de Queremos Galego para 8F demándase a produción de materiais para as crianzas na nosa lingua. Diso tamén saben en Migallas que ao seu “Canta Connosco!” sumaron recentemente o libro-cd  “Pan de millo” (Kalandraka), un traballo do que saíron xa varios espectáculos que xiran por todo o país cun singular aplauso por parte das crianzas. “Merenda con pan de millo”, “Vai ser boa” ou “Debullando cancións” son as distintas propostas coas que mesturan teatro e música por centros e auditorios. “Faltan aínda moitos materiais. Eu, como profesor, boto de menos materiais amenos para as aulas sobre escritores e escritoras. A maior parte dos materiais nacen de iniciativas privadas e particulares mais, como vemos, a Radio Galega non ten programas para público infantil e na TVG tamén ten moita menor presenza”, defende Carlos Yus, dunha demanda que tamén se sentirá na Quintana o vindeiro 8F.

Comentarios