Micromecenato “de medo” na Mariña

A equipa da curtametraxe O neno e a sombra, dirixida polo realizador Xaime Miranda, vén de abrir unha campaña de micromecenato para o seu financiamento . Entre as recompensas, ademais de pósters, camisetas ou botellas de licor café, haberá amuletos tradicionais.

 

Fotograma O neno e a sombra
photo_camera Fotograma da curtametraxe O neno e a sombra

Estará protagonizada polos actores Miguel de Lira e Manuel Lourenzo. A rodaxe terá lugar na Mariña a comezos de 2019.  Trátase dunha obra de xénero folk horror baseada no patrimonio inmaterial galego, onde as meigas, o mal de ollo ou os ritos curativos conforman o substrato da historia.

O micromecenato lévase a cabo mediante a plataforma dixital Verkami e os fondos irán destinados a contribuír no financiamento da curtamentraxe. As camisetas e pósters están deseñados polo artista gráfico Xosé Blanco e as botellas de licor café son cortesía da viñoteca O Lagar (Burela).

Os amuletos son típicos da escena mística galega, como pedras do raio, castañas da envexa, alicornios e ollomaos. Tamén, para quen máis aporte, organizarase unha visita a Santo Estevo do Ermo, na Mariña, lugar de realización de rituais espirituais. A banda sonora é de Nuno Pico e no reparto tamén contarán con María Roja e Diego Anido. Estarán asesorados polo antropólogo Rafael Quintía.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios