A MICE mostra a obra de Marta Valverde

A artista ofrecerá tamén unha performance no Museo do Pobo Galego.
A artista Marta Valverde. (Foto: MICE)
photo_camera A artista Marta Valverde. (Foto: MICE)

Cómo reparar una grieta é a proposta da artista Marta Valverde para a 18ª edición da Mostra Internacional de Cine Etnográfico, que decorre estes días en Santiago de Compostela. Trátase dunha exploración persoal do concepto de rurubanía. A exposición inaugúrase hoxe e, na apertura da mostra, a artista ofrecerá tamén unha performance, ás 19 horas, na Ala Sur do Museo do Pobo Galego. A exposición de Valverde poderá visitarse até o 31 de marzo.

Por outra parte, ás 17 horas, o Auditorio do Museo acollerá a estrea en Europa de Porte de Clichy, do cineasta francés Sébastien Marziniak, un dos filmes que compiten na sección Internacional. Porte de Clichy é unha película sobre un barrio dos arredores de París que vive unha metamorfose urbana sen precedentes, culminada coa chegada do novo Tribunal de París, unha torre de 160 metros, obra do arquitecto Renzo Piano.

Numax acollerá tamén programación na que será a terceira xornada da 18ª MICE. A partir das 20.30 horas terá lugar a segunda sesión de Trazas, unha das seccións paralelas, realizada en colaboración co Cineclube de Compostela. Proxectaranse as curtametraxes Al-Sandawich, da directora exipcia Ateyyat El-Abnoudy, sobre a vida nunha aldea ao sur de El Cairo que semella ter escapado ao paso do tempo; The Conwy Crossing, dos británicos Stephen Hewitt e David Shaw, que narra a construción do túnel máis longo de todo Gales, e Guías turísticas satánicas: Polígono de Coia, de Vicisitud e Sordidez, un percorrido polo barrio vigués de Coia, exemplo do urbanismo franquista de finais dos sesenta.

Cow, a particular homenaxe da cineasta británica Andrea Arnold ás vacas e ao servizo que nos prestan, porá o peche á xornada da secta feira na MICE, no marco da sección Impropias. O pase será en Numax, ás 22 horas.

Comentarios