A mexicana Elena Poniatowska gaña o Premio Cervantes

A escritora mexicana Elena Poniatowska é a nova gañadora do Premio Cervantes. A autora de obras como Tinísima ou Las sieta cabritas recibiu en 2009 o recoñecemento como Escritora Galega Universal pola AELG. A súa obra A filla do filósofo (Galaxia) chegou ao galego da man dun grupo de escritores e escritoras, Lilus Kikus, o seu primeiro libro, foi traducido pola escritora Teresa Moure (Trifolium) 

photo_camera

A autora de obras como Querido Diego, te abraza Quiela, Tinísima, La piel de cielo, Tlapalería, La vendedora de nubes ou Leanora é a cuarto nome de muller que o Premio Cervantes inclúe na listaxe das 38 edicións da súa historia. Antes que Elena Poniatowska, o galardón recaeu en María Zambrano, Ana María Matute e Dulce María Loynaz. 

 O premio recoñece o conxunto da obra de Elena Poniatowska, unha traxectoria que visita en especial a narrativa, o ensaio e o xornalismo e na que a memoria oral e a memoria das mulleres -en especial das artistas relacionadas co México máis revolucionario- gozan de grande protagonismo. A memoria dos outros e as outras, darlle a voz a quen non a ten, foi obxecto do traballo literario de Poniatowska, como recoñeceu no seu discurso pronunciado na Coruña cando, en 2009 se achegou para ser recoñecida como Escritora Galega Universal. “Mentres duren nos nosos países as condicións de opresión, miseria e marxinación, o testemuño será o único xeito que teña o lectorado de se decatar de vivencias insospeitadas e alleas, un lector moitas veces hostil a coñecer as verdades da súa propia realidade. Ao ler, con todo, o lectorado darase conta da variedade e a riqueza da gran aventura humana. Miles de vidas espellan na literatura testemuñal, miles de vidas que tamén nos reflicten e conforman unha asombrosa historia do noso tempo”, dixo a escritora, no discurso que titulou “A literatura que sobe da rúa”. 

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias mostrou a súa alegría polo recoñecemento a unha autora que se gaba da súa condición de Escritora Galega Universal. "Sempre mostrou aprecio e orgullo polo premio, é unha escritora que ama a literatura galega e así o manifesta. Nela xúntase a condición de referente ético e literario e non hai que esquecer que a súa foi a primeira voz que se alzou contra o asasinato de mulleres en Ciudad Juárez", sinala Cesáreo Sánchez. 

Dous libros en galego

A raíz do premio e por un acordo entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a daquela Consellaría de Cultura e Deporte no goberno bipartito naceu a tradución do seu libro A filla do filósofo (Galaxia) no que en certa maneira constituiu unha nova homenaxe da literatura galega á escritora. Un grupo de nomes da literatura contemporánea encargáronse de traer os seus textos para a nosa lingua, nunha tradución colectiva da que partillaron Francisco X. Fernández Naval, Xabier López López, Elvira Riveiro Tobío, Isidro Novo, Eva Veiga, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, María Reimóndez e Francisco Castro. Posteriormente chegaría ao galego a súa primeira obra, o Lilus Kikus que traduciu a escritora Teresa Moure e publicou Trifolium. A escritora referíase a esta nova achega ao galego neste artigo.  De Poniatowska chegounos ao galego tamén "Benquerido diego, abrázate Quiela", traducido por María Fe González para a Editorial Trifolium en 2010. 

Convidada pola AELG, Elena Poniatowska participara nunha serie de actos na Coruña e en Santiago. O escritor Manuel Rivas foi o encargado de ler a laudatio da autora. A AELG disponibiliza na súa web a intervención de Poniatowska nas xornadas da Coruña en texto e video ademais doutros materiais da súa visita a Galiza. 

Comentarios