Crítica de cinema das sextas feiras

"O meu veciño Totoro", volta un clásico 30 anos despois

totoro2
photo_camera Un fotograma do filme


O MEU VECIÑO TOTORO

Tonari no Totoro
(Xapón 1988, 86 min.) 
Dirección e guión: Hayao Miyazaki
Fotografía: Hisao Shirai
Música: Jo Hisaishi

SINOPSE

Anos 50. Unha familia xaponesa trasládase a vivir ao campo. A nai atópase hospitalizada mentres o pai trata de educar Satsuki e Mei, as súas imaxinativas fillas. Pronto as nenas entran nun mundo máxico grazas a Totoro, o espírito do bosque.

CRÍTICA

Reestrea en salas de O meu veciño Totoro co gallo do seu 30 aniversario, obra de referencia clave de Hayao Miyazaki e a que maior influencia tivo dentro do Estudio Ghibli; produtora que desde entón conservou a silueta de Totoro como imaxe corporativa. Un filme que fascinou, e segue fascinando, a adultos e crianzas. Incluso en 2002 se fixo unha especie de secuela a modo de curtametraxe: Mei e o gatobús, curta que se pode mirar cada día no Museo Ghibli, situado ao oeste de Tokio. Todo o merchandising que leve a figura de Totoro, ou teña relación, é un seguro de venda. E de seguro que agora, coa reestrea, terá un notábel repunte... 

Un filme que ten algo máxico. Algo que engancha. Rapaces e rapazas captan ao instante que están ante algo especial. Quedan embobados desde o primeiro momento coa pequena Mei, unha traste que copia todo da súa irmá Satsuki, ri sen mesura e ten unha imaxinación desbordante. Satsuki, pola súa banda, coida de Mei e trata de que non lle aconteza nada malo. Unha complicidade de irmás tan sinxela como efectiva. 

Miyazaki sempre gustou de pór algo “persoal” en todos os seus filmes. Case toda a súa obra ten mulleres protagonistas debido á fascinación que lle tiña a súa nai, unha muller forte e resolutiva. Tamén adoita debuxar máquinas voadoras, e isto é porque seu pai traballaba fabricando pezas para avións. En Totoro non é menos: unha das personaxes secundarias ten afección polos aeroplanos e o fío condutor da película é o dunha familia que se traslada ao campo para estar perto da nai que se recupera no hospital e, curiosamente, a nai de Miyazaki tamén estivo enferma de tuberculose cando el era neno; un feito que lle marcaría profundamente...

Á marxe do drama da enfermidade e demais, toda a película é pura fantasía. Ao pouco de comezar xa aparecen os xenios do po, uns trasgos negros, redondos e con ollos saltóns, que repetirán a súa presenza en A viaxe de Chihiro (2001), outra obra mestra sen paliativos de Miyazaki. A grande aventura das nenas comeza cando descobren un estraño coello branco que foxe cara ao bosque. Condúceas a Totoro: o espírito do bosque. Ademais de facer esta chiscadela a Alicia no país das marabillas, consegue describir á perfección esa decisiva etapa na que a mirada dunha crianza potencia a fantasía como método de defensa ante a crúa realidade (neste caso a enfermidade da nai).

O deseño de Totoro foi invención propia de Hayao Miyazaki. Debuxou unha especie de gato-coello xigante, un sorte de troll do bosque peludiño e amoroso, pero tamén terríbel se for o caso. No filme aparecen tres “modelos”, un totoro pequeno (branco), outro mediano (azul) e o grande (gris). O nome de Totoro provén da mala pronunciación de Mei ao dicir “totoru” que significa “troll” en xaponés. Outra curiosidade son os nomes das nenas: Mei e Satsuki, que significan ambas “maio”, unha segundo a pronunciación inglesa e a outra en xaponés. Unha referencia á primavera e unha nova mostra do seu gusto pola natureza, que tanto repetiu en toda a súa filmografía... 

O filme ten a quietude propia do estilo nipón, pero non por iso faise lenta ou pesada. Ao contrario. Fascinante o momento no que Mei e Satsuki agardan o autobús xunto con Totoro mentres chove. Todo feito a man. Cunha calidade técnica extraordinaria. Cada unha das gotas de choiva ten o mesmo tratamento que cada mínimo, pero esencial, aceno xestual das personaxes. Está chea de momentos memorábeis, pero ata aquí podo ler por se hai alguén que aínda non a viu... que estaría tardando, por certo. 
 

O meu veciño Totoro é cinema infantil e adulto ao mesmo tempo. Fantasía e realidade mestúranse nun universo fascinante saído da mente dun xenio inimitábel. Os máis pequenos quedarán fascinados con todo o mundo de Totoro, e o público adulto poderá marabillarse cos meandros narrativos e metáforas deste extraordinario filme mentres rememoramos instantes agochados da nosa propia infancia. Que a reestreen en pantalla grande é unha inmellorable oportunidade para levar os máis cativos da casa... ou ir sen eles.

Comentarios